{ ON/OFF }

Non é unha cidade calquera

Luis Pérez Fernández

Luis Pérez Fernández

A TODO GOBERNO DEBEN OUTORGÁRSELLE OS CEN DÍAS DE CORTESÍA. Falo do municipal de Santiago que, aínda estando en minoría, é totalmente lexítimo. Ou sexa, “reúne os requisitos esixidos pola lei”, segundo a RAG, ou máis brevemente, está constituído “conforme á lei” como dita a RAE. Outras combinacións tamén son lexítimas e con maior representatividade, pero hoxe é o que temos e a iso habemos de aternos. Pecaría de inxenuo se crese que se van respectar os cen días que outrora eran costume. Non hai máis que escoitar as reaccións que xorden en tantos lugares de España en cidades e comunidades autónomas contra moitos dos acordos. Como dixo un candidato a presidente da Xunta tras a vitoria de Feijóo fai dez anos: “Nin cen días, nin cen minutos, nin cen segundos”. Con todo, fóra do mundo da primeira liña política, desde a sociedade civil convén deixar un tempo para coñecer e avaliar o facer do novo goberno compostelán.

A entrevista publicada onte por este xornal á alcaldesa Goretti Sanmartín é moi interesante. Polo que dixo, o que deixou entrever e polo que non dixo, resgardándose neste caso baixo o paraugas da previa realización de estudos ou creación de comisións técnicas. Positivo é que avogue polo consenso, o pacto e o diálogo, virtudes sempre importantes e de obrigado cumprimento cando non tes maiorías. Veremos en como se traduce. Nestes primeiros cen días terá ocasión de exercitalo. Refírome aos actos institucionais do 25 de Xullo, entre os que se inclúe a Ofrenda ao Apóstolo. Aceptaría ser delegada rexia como, a teor dos resultados electorais, desexarían os composteláns? De momento non sabemos nin sequera se asistirá, pero axiña terá que pronunciarse.

A capital de Galicia, como di na entrevista, non é un lugar calquera, polo que se propón dotala dunha marca especial. Certo, Santiago xa ten unha característica que moi poucas cidades do mundo posúen: é meta dun camiño mundial de peregrinación xerador dun fenómeno sen parangón cuxos efectos, en todas as ordes, son moi beneficiosos no seu conxunto, e que han de xestionarse con sabedoría. En todo o demais, a cidade é similar as demais. En España hai outras 17 capitalidades, incluída a do Estado, e as universidades cóntanse por decenas. Por milleiros en todo o mundo. Na teima por mellorar os servizos públicos, a humanización, a igualdade, a cultura, a economía, os servizos sociais etc., están todas. Por exemplo, Pontevedra, por citar unha cidade con alcalde do mesmo partido. O que distingue a Compostela non son As Marías, é a inventio dun sepulcro, lendario si, pero que dá nome e razón de existir.

Con maior representación, Compostela Aberta fracasou porque descoidou as orixes e desprezou a característica principal de Santiago. O BNG, cuxo papel foi moi importante cando a comezos da autonomía disputaba a capitalidade coa Coruña, non debe caer no mesmo erro. Como tampouco utilizar o Pazo de Raxoi como trampolín para chegar a San Caetano dentro dun ano, como moi tarde.

Non conte Sanmartín co apoio dos socialistas. Antepoñer os intereses da cidade aos do seu partido sería inmolarse. Máis difícil aínda será recibilo do PP, que logrou máis votos e escanos que BNG e CA xuntos, e menos cando o socialista Vara reclama en Estremadura que goberne a lista máis votada. En calquera caso, atenda a nova rexidora e a súa equipa á preocupación cidadá pola existencia dun goberno, en principio, débil e actúen en consecuencia. Santiago non é unha cidade calquera.