{ tribuna }

Cova Platónica: a loita pola liberdade

Xavier Varela

Xavier Varela

A ALEGORÍA DA COVA: prisioneiros encadeados que ven sombras proxectadas na parede crendo que é a auténtica realidade, consiste no dominio dos mitos que narran a existencia encadeada e enganada do ser humano. Liberarse da cova é a saída da ignorancia tanto física como mental, os prisioneiros encadeados e o liberado son os verdadeiros protagonistas. ¿Como facerlles ver aos dominados, degradados, que están sendo enganados por outros como eles? Só a EDUCACION pode desvelar a auténtica condición humana, potenciando as grandes posibilidades. A existencia ignorante e esclava dos habitantes da cova é parecida ao que nos ocurre hoxe. Tamén nós estamos encadeados por sombras sospeitosas que seguindo o pan e circo romano invádennos con simulacros idiotizantes: ideoloxías, discursos, mentiras, publicidade enganosa que atenta contra a dignidade e afán de superación. A manipulación social é un pacto silencioso; quenes disfrutan da ignorancia e mediocridade nun mundo cargado de slogans que cren perfecto, consinten que outros pensen e tomen as decisións por eles. Estes outros poden ser sinistros embaucadores (como no mito platónico) que dende a política, economía, educación, pretenden facer un mundo á súa medida deixando á maioría nunha condición infrahumana (excluídos, pobres, enfermos, tolos) e todo co noso consentimento pola nosa insensatez, cobardía e preguiza intelectual.

A IGNORANCIA é a clave do asunto. Se ninguén coñece a verdadeira condición humana (o exterior da cova-cadea) ninguén pode denunciar as inxustizas e esixir liberdade. O único que pode rachar a insatisfacción da vida encadeada, da gran mentira da cova é o EROS que rompe coa ignorancia obstaculizadora da condición humana e o engano que a aplasta. O prisioneiro liberado descubre unha luz cegadora, unha nova perspectiva: os carrexadores, que son os auténticos enganadores, que parecendo libres tamen están encadeados, son os carcereiros da sociedade punitiva que disimuladamente manteñen na oscuridade aos seres humanos. Hoxe serían: o político que non ten como fin a xustiza social senón o seu propio interese, dominando como privilexiado ao que lle deu o voto. O economista que obvia a cooperación e a axusta á xusta distribución da riqueza. O xornalista que en vez de informar para formar deforma para favorecer ó mellor postor (empresa, goberno…). O educador que moldea os alumnos según el impedindo a creatividade e o seu libre desenvolvemento.

Os carrexadores do mito de Platón danan á sociedade ao utilizar os privilexios para atentar contra a liberdade e dignidade.

Chegará Kant (SXVIII), co seu SAPERE AUDE : “Ten coraxe para servirte da propia razón”, quen tomará o relevo de Platón no proceso de liberación que consiste nun camiño difícil que para conseguir a verdade só hai un antídoto contra a cova-cárcere que segue sendo a EDUCACION como práctica da liberdade para rachar cadeas. É necesaria a utopía como conciencia dun compromiso histórico que anuncia unha nova vida. Os opresores e reaccionarios non poden ser utópicos. Debemos analizar criticamente a realidade desvelando a trama embaucadora e para iso cómpre coraxe para liberarnos. Freire sentencia : “A educación empúxame a asumir unha responsabilidade e ser coherente co soño que me esixe que teña”. Orwell insiste: “En tempos de engano dicir a verdade convértese nun acto revolucionario”, e Camus apostilla: “Onde hai mentira consolídase e perpetúase a tiranía”.

A conclusión témola nas palabras de Einstein: “Os problemas non poden solucionarse cos patróns do pensamento que o xeraron… Temos que cambiar a dirección”.

Base argumental: Metáforas sobre a condición humana.