NEGRO SOBRE BRANCO

A ONU de Mafalda e o nacemento do Neno

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Mal momento para pensar en Palestina e os nenos inocentes. Se miramos para a ONU lembramos a Mafalda de Quino pasouse a vida clamando á ONU para que exercera o seu papel no mundo. Non o logrou e debeu morrer sen máis esperanza. Agora non está para contemplar as desgrazas continuas do seu papel na eliminación de conflitos e máis na orientación e acordos dos gobernos mundiais. Non podemos citar sen vergoña a non intervención no xenocidio do Estado de Israel sobre os palestinos. Non é unha novidade. Desde 1947 Israel permitiuse incumprir-parece que é un patrón de conduta- reiterada e teimudamente as resolucións adoptadas por mor do conflito e guerra que teñen impedido realizar a primeira delas: a constitución de dous Estados co territorio correspondente. Só que neste caso tense alcanzado un grado tal de aniquilación dun pobo por parte dun Estado membro dese organismo que da pé a se perguntar cal é o sentido da existencia do proprio organismo... Semellaba que nunca asistiríamos a unha expresión bélica de barbarie exterminadora como a de Gaza, despois de ter conseguido hai máis de 78 anos construír unha unión de estados mundial. Sexa polo feito de se tratar dun perfecto reflexo do poder real que domina o mundo, sexa por se tratar dunha institución mundial en construción, o certo é que só nos queda o clamor da piedade para implorar o cese do xenocidio.

Non obstante a vontade expresada polos estados pertencentes á Organización mundial foi moito máis ambiciosa dos resultados que se foron acadando. Tamén é unha verdade histórica que as institucións de novo cuño precisan un longo percurso a través de varias xeracións humanas para madurar os seus froitos. Neste caso só pasaron 77 anos, é cuestión de irlle botando paciencia. 

Se concordamos en que as actuais relacións internacionais teñen un escenario mundial a ONU é unha institución adecuada para emprender accións de goberno do mundo, xa que atinxen a todos. Non obstante hai moitas redes de poder doutros níveis contrarias á existencia dun supervisor con poder mundial. Esta contradición está permanentemente enfrontada coas necesidades reais do mundo; unha manifestación evidente dáse no caso da política favorecedora da evitación do cambio climático. Logo de se demostrar cientificamente que no medio natural, no medio ambiente da Terra, non hai parcelas nen predios individuais que vallan, as actuacións que se acordan na Conferencia COP 28 da ONU celebrada en Dubai lograron decepcionar a todos: aos que aspiraban quedar igual, aos que pretendían avanzar paseniño cara meta certa e finalmente ao gran capital mundial que só deberá seguir os pasos propios, mais nun ámbito da mesma incerteza que antes.

Os acordos finais da Conferencia de Dubai son unha volta atrás. Non só non foi marcada unha axenda para eliminación paulatina dos combustíbeis fósiles en todo o mundo, senón que pola contra acordouse que non se podía acordar levar a cabo esas accións. Constatouse que a vontade dos estados máis grandes do mundo, máis contaminadores e con maior responsabilidade nas causas agudas do cambio climático non tiñan –non teñen– vontade de abandonar de momento eses combustíbeis. E para finalizar e maior bulra quedou bendita a enerxía nuclear, chamada agora verde.