Negro sobre branco

Campaña electoral: comeza o buzoneo

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Chamei “buzoneo” (desculpas polo neoloxismo) porque acabo de recibir unha carta, mellor dito un documento ensobrado sen destinatario nominal. Coa curiosidade propia dun felino doméstico abrín o sobre: contén un documento co encabezamento de “veciño de Ames” e como lema principal “Aquí estamos, Deputación da Coruña”. O motivo do escrito é me informar do que a Deputación da Coruña ten feito para mellorar a miña calidade de vida, segundo motivo expresamente declarado. Para esta fin explica que a través dun Plan ÚNICO (así sinalado en maiúsculas e de distinta cor de tinta, daí deduzo a relevancia) e cun gasto de 13,37 millóns de euros en 7 anos, mudou a calidade de vida da veciñanza, grazas á dilixencia da Deputación. Dos 13,37 millóns do plan único 2017-2023 –7 anos– foron empregos 11 millóns en obras (en número de 81), un gasto social de 707.889 euros (tamén en 7 anos) e 1,37 millóns de euros en servizos básicos. Un segundo folio detalla as obras realizadas e financiadas nese plan único, nos últimos 4 anos, no concello antedito. O caso é que das 58 obras citadas o 98% son de mantemento e reparación de viarios: camiños, corredoiras, estradas, sendas...

O bon de receber esta comunicación da Deputación coa intermediación do Concello de Ames é que grazas a este documento adquirín conciencia de mellora da miña vida pola adicación das institucións locais á manter en condicións de servizo as estradas e camiños polos que se circula. É dicer, o esperábel dos responsábeis do mantemento en condicións de circulación dos camiños existentes, acaba de se converter en mellora da calidade de vida e ser utilizábel como materia eleitoral en vésperas das de febreiro, e con maior carga crítica, cando coñecemos como de dilatados son os procesos de execución dun simple cambio de lámpada dunha farola: un ano. Considerado así, ten a utilidade para os cidadáns de se enteirar pola vía dos feitos do que fan as Deputacións, xa que hai tamén algunhas cidadáns que non lle atopamos encaixe de racionalidade institucional despois de se constituír o Estado das autonomías: concellos (na Galiza en número de 313, como no século XIX), Deputacións en correspondencia coas provincias (coma no século XIX) e Comunidade Autónoma como no XX. Unhas sobre as outras, todas superpostas e intentando amosar a súa necesidade existencial.

Eu que fun profesora unha boa cantidade de anos nunca se me ocorreu cualificar como parte do mérito a cualificar, entregar traballos cos folios sen engurrar ou suxos: as estradas e o conxunto dos viarios han ser mantidos en servizo segundo esixencias de tipo técnico coñecidos. Iso é unha labor igual de elemental que pagar aos provedores, ao persoal ou aboar os gastos correntes de funcionamento da institución, simplemente non estragar os bens entregados para xestión, tutela e/ou mantemento, non son méritos, son adicación ao labor diario. É pouco edificante que se pretenda, falando de obras municipais, que cumprir coas obrigas diarias de funcionamento é loábel, e xa non digamos vinculalo á mellora da calidade de vida dos cidadáns e recoñecíbel nas eleicións.