Negro sobre branco

A cualificación para o traballo e o ensino

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Unha das funcións esperábeis do ensino é preparar para obter unha cualificación profisional. Mesmo de non ser directa –saír do ensino cun oficio– é esperábel que capacite para se incorporar a un centro que si faculte aos futuros traballadores. Tratamos con antelación as dúbidas que xeraba a orientación do ensino obrigatorio como lugares de camiño preparatorio para a felicidade, mesmo de felicidade conseguida no proceso de aprendizaxe. Mais… atravesouse polo medio das nosas coitas o Informe Pisa. 

En ausencia dun Informe / Análise de resultados elaborado polas proprias autoridades autonómicas competentes no ensino obrigatorio, usamos algunhas das observacións do dito Informe. Hai unha variábel que fala moi negativamente dos resultados dos anos de permanencia na escola –primaria e secundaria– que é a falta de comprensión leitora. É neste caso indiferente que haxa pericia no uso de dispositivos dixitais. Se non existe capacidade para entender e interpretar un texto escrito, moi malamente se poderán adquirir coñecementos capacitantes para nengunha actividade. Cando os estudantes ou persoas preparadas son quen de argumentar o que serve e o que non serve do ensino obrigatorio –din para a vida–, eu sempre uso como inicio de argumento un símil deportivo: para que lle serve ao xogador exitoso de tenis os entrenamentos en piscina? Para que lle serve a un futbolista adestrar con xadrez a súa capacidade de deseño de estratexias? Alguén ousado diría que para nada, porque non vai xogar nunha piscina nen marcar goles cun peón de xadrez, mais o argumento non é o da utilidade circunstancial senón o aumento da capacidade do ser humano para coñecer desde unha perspectiva completa e crítica. O futbolista ou o tenista que é quen de aprender fóra do seu campo de adestramento –que é indispensábel– é quen de mellorarse a si mesmo. Niso consiste exactamente a capacitación que aprenderes aparentemente non úteis sexan, en cambio, os máis úteis de todos. Desde a anáise matemática ao latín pasando pola filosofía, así como a repetición en adestramento dos exercicios físicos, todo contribúe á cualificación do ser humano, e diso é xustamente do que se debe ocupar o ensino. 

Mesmo sabendo que facer unha raíz cadrada, resolver unha ecuación de terceiro grado ou traducir latín con traballo, vallan para o que se chama vida ordinaria. Hai tamén unha consecuencia social desta ausencia capacitante. Existe unha masa de traballadores, nomeadamente mulleres e mozos, que por mor desas circunstancias só atopan traballo en postos de moi baixa cualificación ou mesmo en postos de traballo que chamaríamos descualificados: os vinculados ao sector servizos de demanda de traballo en crecemento: comercio, distribución de alimentos, tendas por departamentos ou hostalaría. 

Nestes casos únense dous elementos negativos que reforzan a baixa calidade do posto de traballo: as escollas/selección de traballadores elexen certas características convenientes (amabilidade, por exemplo, en lugar de oficio) e tamén unha indefinición de tarefas de desempeño proprio para garantir a intercambiabilidade obrigada. Falamos de 25.000 postos, só en tendas de distribución en Galiza. É algo máis que un asunto de falta de felicidade na escola. Falamos de cualificación, e de salarios tamén.