TRIBUNA

A crúa desigualdade

Xavier Varela

Xavier Varela

Comenta Ramonet (Catástrofe perfecta) que o mercado e o sector privado rachan o colectivo apropiándose da esfera pública e xerando un enfrentamento entre Mercado e Estado, individuo-colectivo, egoísmo-solidariedade. O Poker do Mal: FMI-BM-OCDE e OMC exercen unha ditadura nos Estados que confiscan en proveito propio a Economía e Democracia.

Xa Tony Juelt constataba o enfrentamento entre cohesión social e política do medo. Urxe a existencia dun círculo virtuoso entre crecemento e distribución, para que os seus beneficios cheguen sobre todo aos máis débiles. As empresas necesitan dos gobernos para innovar e crecer. Non se pode consentir que uns poucos decidan e é necesario buscar unha alternativa á mercantilización do mundo.

A intervención dos Estados constata o fracaso dun modelo donde os mercados non poden autorregularse debido á súa propia voracidade. É o mundo ó revés: O socialismo para os gañadores e o capitalismo salvaxe para os demais. Fuld en 3 anos gañou 340 millons por afundir Leman Brothers. King, presidente de Porsche percibíu no 2007-2008, 77 millóns  (21.346 á hora). Para que funcione o Mercado é necesario máis Estado, máis poder público. Xa StreeK (Como terminará o capitalismo) presentaba o matrimonio democracia-capitalismo como próximo ó divorcio debido ao malestar xerado polo neoliberalismo defensor da protección estatal dos ricos e disciplina e precariedade para os demáis. Prevalece a sensación dunha captura do sistema polas élites, que esquecen cambialo porque perderían o seu poder, que consiste en anestesiar a sociedade con mantras como : 1) Crecemento económico como única alternativa. 2) Crecemento do consumo como garantía de felicidade. 3) Adaptación á desigualdade natural (sempre houbo ricos e pobres) 4) Competitividade como condición necesaria da xustiza social (gañadores e perdedores). Faise necesario un novo contrato social donde o Estado interveña na corrección das disfuncións orixinadas pola loita de intereses e protexer aos máis fráxiles. A xuventude ten a sensación de que vai vivir peor que os seus pais.

Cando Biden afirma que o capitalismo sen competencia é pura explotación, dalle a razón a Dewey, que presenta a política como a sombra que sobre a sociedade proxectan os grandes negocios, confirmando a Chomsky, que asegura a falsa competitividade dos mercados ó estar controlados por grandes corporacións: Apple-Amazon-Exxon-Shell-Pfizer-Monsanto… que na sombra financian todo e sempre gañan. 

Un arrepentido de ser un asasino financieiro, Perkins (confesión dun gangster económico) móstranos como opera Washington na implantación do Consenso Neoliberal. Son profesionais escandalosamente pagados que estafan miles de millóns de dólares a países do globo e dirixen os cartos do BM a Axencia de desenvolvemento internacional para os petos das grandes compañías e familias plutócratas que controlan os recursos naturais do planeta. As súas armas son (como di Ramonet en Catástrofe perfecta) informes fraudulentos, sobornos, extorsión, sexo e asasinatos en proporcións terroríficas. Deste xeito é como o  FMI vaise convertendo nunha especie de Ministerio de Economía Planetario, practicando sempre as mesmas receitas: Aumento das taxas de Xuros –Privatización do sector público-anulación dos dereitos sociais, predominio da especulación sobre a producción.- rebaixa de salarios.- restricción do creto.- reforma da Constitución supeditándoa ao mercado. A gran estafa do 2008 (chamada gran recesión) indica como os de sempre  lucranse indecentemente.

Segundo Toynbee “Só sae unha visión do mundo en cada TV, ordenador”. Unha soa xestión, empresa, teoría económica. Esa visión é a deseñada polos triunfadores para eles e os demáis que se queden atrás por perdedores.

Tamén Rorty comenta “mentras o traballador esté distraído na súa propia desesperación con acontecementos ficticios creados polos medios de comunicación os superricos non teñen nada que temer”.

Sempre, segundo Bauman, os segredos mellor gardados son os que silencian no PIB o modo de reparto da riqueza ao agochar a súa distribución.

O crecemento económico non presaxia nada bó para a maioría creando unha fonda e crúa desigualdade acrecentando a opulencia duns poucos a costa dunha caída brutal do nivel de vida dunha inmensa maioria. O crecemento económico por experiencia é o principal incremento dos problemas sociais. A teoría da pingueira  (a riqueza tamén chega ós pobres) é para tapar unha tácita póliza de seguros colectivo das élites acaudaladas asegurando os seus privilexios. Os indecentes salarios dos directores xerais operan á marxe da calidade do traballo, son acordos millonarios desvinculados da súa actuación.

No 2015 a OCDE avisaba que a fenda da desigualdade global alcanzara un punto de inflexión que supoñía unha ameaza á estabilidade do sistema. No mesmo senso SOROS (Crisis do capitalismo global) destaca que a fé cega nos mercados provoca un aumento da desigualdade perniciosa para o sistema. Para estabilizalo hai que tentar algún tipo de distribución porque de seguir así vaise destruir o capitalismo. Cando o 65% dos menores de 35 anos, afirma Bertolini, considera o socialismo como mellor modelo, temos un problema. Xa Marx advertira que hai elementos entre os capitalistas que desexan mitigar as inxustizas sociais para así garantir a permanencia do seu poder. No fondo é o propio capitalismo o principal inimigo da competencia ó impedir a liberdade de elección e decisión. Os atrancos aos avances sociais e políticas distributivas son froito da suposta liberdade de mercado e competencia.

Xamáis o capitalismo foi competitivo. O impulso á acumulación levao a saquear o medio ambiente, expropiar terras e recursos, expoliar comunidades e impor un Estado policial global para conter as explosivas contradiccións dun sistema fóra de control. A desigualdade é inxusta e non debemos elixir entre benestar social e crecemento económico. A contradicción é entre benestar social e acumulación individual da riqueza, porque esta sempre é social e comporta responsabilidade social. Non hai empresas fóra da cidadania e do Estado que rescata os déficits das empresas. 

A mellor maneira de loitar contra a desigualdade é mudando as relación entre goberno, empresa e sociedade civil. Debemos recoñecer o carácter colectivo da creación de valor entre tódolos actores. O capitalismo global é profundamente inestable na forma actual e as perspectivas son as dunha anarquía internacional cada día mais fonda que acentúa a crúa desigualdade.