NEGRO SOBRE BRANCO

Abandono escolar

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

SE SE ENTENDE que o abandono escolar é un fracaso, polo menos en certa medida un fracaso social, entón temos un problema. O abandono pode ser medido nas distintas etapas de escolarización e ter significados distintos. Na etapa de ensino obrigatorio é verdadeiramente preocupante xa que indica inadecuación entre o sistema escolar e os obxectivos elementares da súa razón de ser. Non é quen de incluír todos e cada un dos cidadáns en idade escolar ao proceso de ensino elemental. O problema ha estar no sistema e non nos nenos que abandonan. A segunda face do problema é a non existencia de política educativa capaz de resolver estes problemas. Resulta imposíbel sabelo dada a escaseza informativa neste campo en concreto e doutros en xeral da administración pública. Semella que os cidadáns temos pouca ansia de requirir ser informados e despois da falta de información ven a falta de posibilidade de exercer os dereitos.

O abandono escolar en Galiza segundo os dados oficiais –expresados como taxa bruta da poboación que se gradúa en cada etapa en relación á poboación desa idade– diminuíu desde o ano 2010 ao 2022 nun 6,1%. Dise que en 2022 o 83,8% da poboación en idade escolar obrigatoria remata eses estudos. A cifra é esperanzadora, mantense dentro do rango medio das españolas e pode ser lida como unha mellora. Mais convén afinar a ollada: se falamos de ensino obrigatorio debería ser imposíbel falar de abandono. Ou, pola contra, estabelecer os mecanismos internos ao sistema para evitar e/ou recuperar etapa a etapa os que deixan a escola. Habería que analisar polo miúdo se este aparente éxito é a súa vez indicio doutros mecanismos tanto escolares como sociais. É imprescindíbel para un diagnóstico atinado coñecer as análises feitas pola Xunta.

No último tramo educativo, atopámonos con análises feitas para o Estado, con dados do Sistema Universitario Galego, que nos permiten afirmar que o abandono escolar subiu de nível e agora dá cifras escandalosas para o abandono nos estudos universitarios. A primeira cifra rechamante é a caída de matriculados que non se corresponde coa tendencia media española: mesmo con caída de poboación na cohorte de idade universitaria, non caeu o número de matriculados. No noso caso, si, e de maneira moi notábel: en 2022, había 61.637 matriculados, mentres hai 20 anos eran 100.000. Esta caída de matrícula non se pode xustificar coa caída poboacional: tendencia contraria da media española. A Universidade galega no seu conxunto vén reflectida no estudo presentado polo Ministerio da autoría de M. F. Mellizo-Soto (dados do SIIU), como a campioa na taxa de abandono universitario só superada por Asturias e as Universidades das Illas: un 14,7% de abandono. E, neste caso, os factores extra-universitarios do desenvolvemento económico e social son quen de explicar o fracaso: a empregabilidade dos egresados, o soldo medio acadado 5 anos despois da gradación (o 53% menos de 1.500 euros mensuais), a emigración ao estranxeiro ( 8,1% dos titulados galegos)... Non é un problema de cifras; é a exposición neta dun fracaso social e unha gran perda de recursos.