OLLADAS AO PAÍS

O PPdeG é forte, mais non invencíbel

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

A CAMPAÑA do PP, canto á mensaxe, foi confusa e desaquelada. Mais a súa capilaridade social e a extensión e forza da súa estrutura mantiñan as probabilidades de maioría absoluta que eran nidias cando Rueda convocou as eleccións e que a boísima campaña do BNG e Ana Pontón puxo en risco coa súa mensaxe transversal e a súa estratexia de mobilización e concentración do voto de cambio. 

E así foi. Porque o PP foi moi ben enfrontado polo BNG nas vilas e cidades (mesmo nos pequenos núcleos cabeceira dos concellos rurais) e neste habitat gañou a alternativa. Velaí Vigo e a súa contorna onde gaña o BNG e outras cidades, áreas urbanas e bisbarras da Galicia atlântica, onde o PP sofre importantes perdas porcentuais.

Mais o PP rendibilizou extraordinariamente a súa resistencia no rural com resultados hexemónicos que abondo compensaron as perdas nas contornas urbanas. Campaña casa por casa desenvolvida polos alcaldes e líderes locais coa axuda -que se amosou eficiente- dunha caravana de Feijóo que dinamizou a resistencia popular simultáneamente á potentísima progresión do soberanismo do BNG de Ana Pontón na Galicia urbana. A participación medrou do 58,84% de 2020 ao 67,3% do 2024, achegando unha das condicións precisas, mais non suficientes, da remuda na Xunta. A segunda (concentración de voto no BNG até facelo rendíbel ao abeiro da regra D-Hondt) tamén se deu. Mais o incremento da participación achegou 150.000 votos máis ao BNG, mais tamén 70.000 novos votos para o PP. 

Hai análises que reflicten a suposta esterilidade do grande éxito do BNG salientando que só recolle voto do PSOE e dos restos dos fracasados Comúns (Sumar e Podemos) e que se non foi desta, que disque era a boa, pouco menos que non será nunca. Mais estas análises son simplistas, cando non interesadas e esquecen cando menos: i) a dimensión da personalidade política de Ana Pontón, convertida en referente, non só do galeguismo político, senón da Galicia do cambio, ii) a tendencia favorábel dos soberanistas na Galicia máis dinâmica em termos sociais e económicos e a súa activación dunha conciencia política a prol dunha axenda galega, é dicir, de diagnosticar e resolver os nosos problemas dende nós propios e iii) a hexemonía de Ana Pontón como candidata entre as persoas menores de 45 anos e a súa aceptación no treito de ídade de 46 a 64 anos. Son todos estes dados presentes nalgunha das enquisas elaborada na derradeira semana de campaña e coñecida ás 20.00 horas do domingo. Enquisa que, por certo, desta volta acertou.

Dicía onte EL CORREO GALLEGO na terceira “...el BNG y Ana Pontón han construido un discurso que se resume en tres frases: esto va de Galicia, no de Sánchez o Feijóo. Galicia necesita un cambio profundo y urgente y… el cambio soy yo”. E remataba o argumento ”… los cientos de miles de gallegos que la han votado… esperan que esté a la altura y que el 18-F sea la penúltima estación hacia la primera presidenta gallega”.

Ana Pontón demostrou que o PPdeG non é invencíbel.