Trinta cociñeiras elaboraron mil tortillas de masa na Festa da Merenda de Aiazo, en Frades

Ademais de degustalas de xeito gratuíto na área recreativa, moitos asistentes mercaron máis para levar // París de Noia, Grupo Unión e Charanga BB+ animaron a verbena

Asistentes á Festa da Merenda de Frades, celebrada na área recreativa de Aiazo

Asistentes á Festa da Merenda de Frades, celebrada na área recreativa de Aiazo / CEDIDA

Redacción

A XVII Festa da Merenda de Aiazo (Frades) foi unha das máis concorridas da historia desta celebración, que comezou como unha homenaxe a un produto dos tempos da fame e que se converteu nunha das festas que máis mocidade reúne en toda a comarca. Milleiros de persoas ateigaron o domingo dende o mediodía a área recreativa de Aiazo onde, a pesar do amplo espazo para aparcar e da boa organización por parte da asociación de veciños Os Pasos, houbo colas nas primeiras horas e momentos antes da verbena coa orquestra París de Noia.

O tempo acompañou, cun sol e unhas temperaturas máis propias do verán, que fixeron que moitas das persoas presentes estiveran mesmo en manga curta. A maiores, a ausencia de precipitacións durante a semana permitiu que a área recreativa estivera totalmente ocupada por tendas e xantares de familias e, sobre todo, grupos de amigos.

O que comezou sendo unha festa nocturna dunha parroquia e dirixida a persoas de mediana e avanzada idade, converteuse nos últimos anos nunha festa de todo o día dirixida a mozos e mozas. De feito, os grupos de amigos chegados de distintos concellos da comarca e de fóra dela (Santiago, Arzúa, Melide, Betanzos...) desfrutaron da música da orquestra París de Noia, do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+.

A troula comezou ao mediodía, cando unhas 30 cociñeiras e unha ducia de axudantes comezaron a elaborar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartiron durante toda a xornada. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira deulle o seu toque persoal, tanto polo grosor da tortilla, como polo seu tempo de cociñado ou por se as acompañaba ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas.

A maiores, este ano estreouse tamén unha Tenda da Merenda, na que se podían mercar produtos relacionados coa festa: un pano rosa conmemorativo (1,5 €), camisetas brancas co cartel da merenda (10 €) e camisetas negras do ano pasado (5 €).

O alcalde, Roberto Rey, felicitou a todas as persoas da asociación “polo seu excelente traballo e que permiten que esteamos ante unha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a un produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”.

TEMAS