A Laracha licita melloras no complexo municipal que acolle a piscina e o ximnasio

Ximnasio municipal da Laracha

Ximnasio municipal da Laracha / Concello da Laracha

redacción

O Concello da Laracha licitou as obras de renovación das instalacións do ximnasio municipal, unha ampla e ambiciosa iniciativa que prevé varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física. O orzamento ascende a 134.000 euros e o prazo de presentación de ofertas rematará este mércores.

Na zona do vaso da piscina contémplanse intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo no aforro de auga e na eficiencia enerxética.

Na parte exterior da edificación realizarase a impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.

Asimesmo, na zona do ximnasio renovarase o pavimento, prevendo a instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, mellorarase a climatización na sala de spinning.