Comerciantes, hostaleiros e administración suman forzas en Carballo

O Centro Comercial Aberto de Carballo impulsa a cuarta edición da campaña "Que rule, que rule!"

Riveiro, esqu., Freire e Regueira

Riveiro, esqu., Freire e Regueira / cca carballo

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo impulsa a cuarta edición da campaña Que rule, que rule! coa que queren agasallar e agradecer o apoio dos seus clientes e fomentar a aposta polo comercio local. Unha iniciativa que se desenvolverá ata o 10 de xuño e na que participan 53 comercios que obsequiarán cada compra cun vale para poder participar no xogo da ruleta, ubicado na Praza do Concello e que xirará todos os días de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Todas as persoas recibirán un agasallo directo ou participarán no sorteo de cinco cheques de compra por valor de cen euros cada un.

Esta campaña é posible “grazas á implicación dos case cen comerciantes asociados, ao apoio que recibimos de empresas e da hostalería carballesa, así como ao patrocinio do Concello de Carballo, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia”, afirma Germán Riveiro, presidente do CCA, que este martes participou no acto de presentación da iniciativa, ao que se sumaron tamén o alcalde carballés, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente segundo da Deputación, Xosé Regueira. O Centro Comercial Aberto aposta por manter “rúas vivas e seguras, crear emprego e dar servizo á veciñanza”.