Entrevista | María Rozas Voceira municipal e candidata á Alcaldía de Compostela Aberta

María Rozas: “Chéganos un ‘feedback’ moi bo dos encontros cos veciños”

{Santiago, 1981}Portavoz e concelleira do grupo municipal de Compostela Aberta, é veciña do barrio do Ensanche. María Rozas é licenciada en Ciencias Políticas e ten un máster en Estratexias e Políticas de Cooperación ao desenvolvemento. Especializouse profesionalmente en consultoría de xestión económica para Administracións Públicas

Visita de María Rozas a El Correo Gallego

Javier Rosende Novo

Ata o último momento Compostela Aberta non desvelou o seu apoio á regulación das vivendas turísticas, cando se decidiu?

Non é que non estivera decidido; nós xa facilitamos a aprobación inicial. De feito, a regulación de viviendas de uso turístico é algo que comezou Compostela Aberta no anterior mandato. Agora foi debatida na coordinadora de Compostela Aberta, que decidiu que o voto tiña que ser a favor, por coherencia e por responsabilidade. Desde os nosos principios dixemos que Santiago non pode ser unha cidade por e para o turismo, aínda que sexa unha parte importante da nosa cidade como fonte de ingresos, pero non convertir Santiago nun parque temático que acabe expulsando aos veciños da cidade. Chegóusenos a chamar turismofóbicos, pero non é eso. Estamos de acordo co turismo, non pode ter consecuencias para os residentes.

Agora se plantexa de novo a taxa turística da que xa falara CA, con moitas críticas doutros partidos.

O tempo da e quita razóns e eu creo que cos anos demostrouse que moitas das proposta que facía Compostela Aberta eran acertadas. Bugallo era moi crítico coa taxa turística e agora recoñece que é necesaria. A nosa proposta é que haxa un equilibrio, con políticas para que a vivenda en Santiago sexa accesible. De aí a nosa coherencia no pleno, dicindo tamén que as cousas se poderían ter feito mellor. Que esta regulación non é a que nós queríamos, non é a mellor; aínda que é mellor ter unha regulación e non atoparnos ante unha barra libre para abrir vivendas de uso turístico en calquera parte. Ademais, o que se aprobou non só é evitar máis vivendas turísticas, senón evitar que se constrúan gasolineiras en solo residencial...

Cre Compostela Aberta a versión do alcalde en canto a que descoñecía a relación do exconcelleiro José Manuel Pichel con Desproi?

O alcalde non é transparente e segue sen facilitar toda a información que se lle pediu sobre esta cuestión. Un mes despois de que CA denunciara esta situación o alcalde nunca quixo comparecer. No pleno de hoxe (onte) recoñece que o ocorrido non foi só un erro e que hai responsabilidades políticas. Pero todavía quedan moitas cuestións por aclarar. Creo que xa hai un sentir xeneralizado na veciñanza que non quere volver a tempos escuros no Concello, que non están tan atrás, e que esixe que os cartos públicos sexan xestionados con honestidade.

Sobre o parquin do Clínico, considera que o Concello debería aportar algo máis ca parcela?

Desde CA levamos con esta cuestión todos estes anos de oposición. É un problema gravísimo que ten o principal hospital de Santiago. Había solucións sobre a mesa que dende CA xa no anterior mandato se puxeron a disposición da Xunta de Galicia, como pode ser o solar que está ao lado do Cimus, e nada se fixo. Aquí estamos ante un exemplo máis de como Sánchez Bugallo acaba rectificando e mudando o que dicía ao principio, pero chega tarde. Paréceme esperpéntico que agora, cando por fín rectifica e lle da a razón a Compostela Aberta, non sexa capaz de sentarse co conselleiro de Sanidade para procurar unha solución. E tamén me parece un papelón o da Xunta: di que hai que facer un estudo de mobilidade, cando basta con ir alí para ver que hai un problema. Téñeno que aclarar e tamén por que se trata aos veciños de Santiago de xeito diferente aos de outras cidades de Galicia. Hai que ter en conta que é un servizo que non só utilizan os composteláns, tamén os veciños de outros concellos da comarca.

Podería facernos unha análise da situación dos barrios e parroquias? Perciben melloras ou retrocesos respecto a hai catro anos?

O que nos trasladan nas asociacións de veciños é que non hai ningún avance, todo o contrario, hai un retroceso en algunhas cuestións. Sobre todo na capacidade do Partido Socialista para o diálogo e a escoita. A actitude é sempre soberbia. Cada vez que xurde un conflicto veciñal, o alcalde di que se debe a uns intereses que nada teñen que ver coas problemáticas dos veciños. Pasou en Lavacolla. Os veciños non queren teleféricos, os veciños queren un bo servizo de recollida de lixo, que as rúas non teñan problemas de mantemento... e habitualmente pequenas cousas. Hai tamén un retroceso en obras. E digo isto porque nos últimos catro anos o único que fixo o Partido Socialista foi vivir da inercia do que deixou Compostela Aberta preparado. Non hai un proxecto de cidade novo de Sánchez Bugallo.

Entrando en materia electoral, cando desvelará Compostela Aberta a composición da súa lista?

Dentro de moi pouco. A data concreta non a podo dicir, pero vai ser a finais de febreiro ou principios de marzo como moi tarde.

As enquisas predicen unha baixada de CA nas municipais...

As enquisas son enquisas. Faltan tres meses para as eleccións de maio e eso é moito tempo en política. Temos un sentimento, un feedback, por parte dos veciños e veciñas de Santiago moi bo; vemos que as nosas propostas que son moi ben recibidas, e tamén que nos encontros veciñais nos valoran moi ben.

Supón un reto sustituír a Martiño Noriega como candidato, e sobre todo despois de perder cinco concelleiros nas últimas eleccións?

Teño que recoñecer que é un reto moi importante para min. Pero tamén estou segurísima de que o equipo que ten Compostela Aberta non o ten ningunha das outras forzas políticas que se presentan. Temos un gran capital político.

Estaría disposta Compostela Aberta a formar unha coalición de esquerdas con Bugallo de alcalde?

Esto é adiantarnos moito á situación. Eu penso que despois das eleccións se verá. Iso é algo que teñen que decidir os veciños de Santiago: cal é a forza de esquerdas que queren que sexa a máis votada; e despois das eleccións é cando se plantexan esas situacións. Si creo que é necesario un cambio de goberno.

Aposta pola remunicipalización dos parquins das prazas de Galicia e Vigo para poñelos a disposición dos residentes

Sobre as claves da próxima campaña electoral, María Rozas explica que “vamos facer incidencia nas políticas de mobilidade: a cuestión de aparcamento do Clínico, pero non só, senón tamén sobre un cambio nas políticas de mobilidade. Ese debe ser un dos retos do próximo mandato, como o debe ser o transporte público”. Avanza a súa aposta por “remunicipalizar os dous parquins da prazas de Galicia e Vigo, que rematan a concesión en 2025 e 2026, respectivamente. Queremos que sexan xestionados desde o público para facer políticas para os residentes con tarifas reducidas e mesmo para os colexios que están cercanos, para que poidan ter a posibilidade de aparcar nas prazas públicas e non provocar incomodidades”. Para CA, tamén “é importante falar das políticas dirixidas ás familias, á educación e ao público infantil e adolescente en Santiago”. Por outro lado, quere recordar que “levamos no noso ADN as políticas sociais, e queremos ir máis alá do esforzo que fixemos no anterior mandato, algo que se continuou neste pero de forma vaga”. “Xa está ben de que Santiago estea sempre á cola das cidades galegas en investimento social”, remarca Rozas, ao tempo que indica que o ámbito cultural é outro dos seus obxectivos: “Santiago sempre foi un referente cultural, e agora non é. Temos que traballar nisto e tamén no ámbito dos deportes”.