Desfile infantil de Entroido dos barrios das Fontiñas e de San Pedro

Dirixido á cativada, o obxectivo é ofertar unha actividade de lecer axeitada os nenos participantes, sendo así un percorrido curto e sinxelo.

Dous nenos disfrazados de Cigarróns

Dous nenos disfrazados de Cigarróns / ECG

Redacción

O sábado 18 de febreiro de 2023 o barrio de San Pedro e das Fontiñas serán escenario dun desfile con motivo das festas de Entroido. Unha actividade organizada por diferentes entidades dos barrios de San Pedro e das Fontiñas: o Espazo de Lecer María Miramontes, o Centro Sociocultural das Fontiñas, o Centro Xuvenil Don Bosco, Área Central, Construíndo Barrio e Movemento pola Paz. Esta coordinación intercentros ten como principal obxectivo fomentar a identidade dos barrios e a participación da comunidade sendo ademais unha oferta divertida e dinámica para os nenos e as nenas.

A actividade partirá ás 16.30 h do Centro Xuvenil Don Bosco. A primeira parte da comitiva subirá pola rúa de San Pedro ata rúa dos Concheiros, facendo a primeira parada no Centro Sociocultural das Fontiñas. Aquí estará agardando o resto de entidades participantes para continuar, arredor das 17.00 horas aproximadamente, o percorrido bordeando Área Central (rúa Lisboa, Londres e París) ata entrar ao centro pola porta de Alcampo. Unha vez en Área Central, comezará a festa a cargo de Anymus (na planta -1) cunha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos.

A temática do desfile será o filme oitenteiro "Fama" (a temática non é obrigatoria). A veciñanza pode poñerse en contacto co seu centro de referencia que ofertará talleres de creación de complementos para o disfrace.

Para participar na actividade é fundamental achegarse en familia e inscribirse a través dalgún centro colaborador.

Obradoiros:

No caso do Espazo de lecer María Miramontes será: sábado 11 de febreiro de 2023, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00. Previa inscrición

No centro Don Bosco: o día 9 de febreiro de 2023 de 18:30 a 19:30. Previa inscrición.

No centro sociocultural de Fontiñas: os días 9, 10, 16 e 17 de febreiro de 2023 de 18:30 a 19:30 (aula de xogo 1) e de 18:00 a 20:00 (aula de xogo 2). Previa inscrición

Itinerario:

Percorrido 1 - Centro xuvenil Don Bosco - CSC Fontiñas

(Só o realizan as persoas usuarias do Centro Xuvenil)

Hora aproximada de saída 16:30-17:00

Rúa Belvís ata Rúa San Pedro.

Rúa San Pedro ata Rúa Concheiros.

Rúa Concheiros ata Avenida de Lugo.

Avenida de Lugo ata Rúa Berlín.

Rúa Berlín parando en CSC Fontiñas.

Percorrido 2 - CSC Fontiñas - Área Central

(Aquí únense ao resto de participantes)

Hora aproximada para continuar 17:00 - 17:30

Rúa Berlín ata Rúa Lisboa.

Rúa Lisboa ata Rúa Londres.

Rúa Londres ata Rúa París.

Rúa París ata Área Central (porta de Alcampo).