Lara Torea Suárez e Carla Crespo Berdullas gañan os Premios Literarios Minerva

O xurado dos galardóns organizados polo colexio Peleteiro destacan a calidade das súas obras

O xurado dos galardóns.

O xurado dos galardóns. / ECG

Lara Toreo Suárez na modalidade de narración e Carla Crespo Berdullas na de poesía son as gañadoras dos Premios Literarios Minerva organizados polo Colexio M. Peleteiro nesta edición número 51, segundo o fallo do xurado feito público este venres, que destacou a calidade das obras.

No certame, dirixido aos alumnos de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia, puideron participar todos aqueles estudantes que presentaran textos orixinais, inéditos e en galego, posto que esta iniciativa busca fomentar o uso da lingua no ámbito educativo e impulsar a literatura na xuventude.

En narración foron elixidos finalistas 18 traballos, dos cales resultou gañadora a alumna de 4º de ESO do IES Plurilingüe de Ames e 15 anos de idade Lara Torea, quen presentou o relato titulado Fase tres. Recibirá un premio de 750 euros e medalla conmemorativa.

O segundo posto foi para Rosalía Bernárdez Riopedre, de 16 anos e 1º de Bacharelato do IES Leiras Pulpeiro de Lugo por Philos, co que obterá 400 euros e a medalla.

O terceiro premio, dotado con 250 euros e a medalla, foi para Marta Rodríguez González, de 17 anos e 1º de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda da Coruña, por A gran tormenta.

Ademais, houbo tres accésit para Samuel López García, de 16 anos e alumno tamén de 1º de Bacharelato do Eusebio da Guarda coruñés, por Vivir morto; Isabel Carballal Zamudio, de 17 anos e 2º de Bacharelato do Peleteiro compostelán, por Camiño do ceo, e Isabel Miragalla Dorado, de 15 anos e 4º da ESO do Colexio Franciscano de Lugo, por Guíame, brisa.

Na modalidade de poesía, o primeiro premio foi para Carla Crespo, de 18 anos e 2º de Bacharelato do IES Plurilingüe de Ames por Sangue da miña alma, polo que recibirá 750 euros e a medalla conmemorativa.

Carmen Rosales Cabrera, de 17 anos e alumna de 1º de Bacharelato do IES Illa de Tambo de Marín, foi elixida no segundo posto por Obedece, corpo. O premio ten unha contía de 400 euros e medalla.

E Eloy Morán Castedo, de 17 anos e 2º de Bacharelato do Peleteiro, acadou con Xeografía do ser o terceiro premio, dotado con 250 euros e medalla.

Os tres accésit foron para Amalia Blanco Pose, de 16 anos e 1º de Bacharelato do IES Terra de Xallas, por Folgando en cinsa; Andrés Collantes Barros, de 17 anos e 1º de Bacharelato do compostelán colexio La Salle, por Porfía, e Paula Expósito Giadás, de 16 anos e 1º de Bacharelato do tamén santiagués IES Antonio Fraguas, por No berce dos teus ollos verdes.

DESTACADAS FIGURAS

··· O xurado desexou que “moitos destes mozos sexan recoñecidos nun futuro próximo no panorama literario galego, sumándose á ampla relación de autores hoxe consagrados que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Berta Dávila, Olga Novo ou o recente Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández Ismael Ramos e a gañadora do Xuventude Crea de Narrativa Alba Guzmán”, segundo o secretario do certame e profesor do Peleteiro, Mon G. Buhigas

A entrega dos galardóns terá lugar o proximo 12 de abril, nun acto literario no Colexio M. Peleteiro, no que actuará como mantedor o escritor, mestre e poeta Antonio García Teijeiro.