Borja Verea aposta por unha conexión peonil entre Vista Alegre e A Peregrina

Verea insistiu en que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”

Imaxe do traxecto entre Vista alegre e A Peregrina

Imaxe do traxecto entre Vista alegre e A Peregrina / ECG

Redacción

O candidato á Alcaldía polo PP de Santiago, Borja Verea, mantivo esta semana unha xuntanza cos veciños do Romaño e Vista Alegre para escoitar de primeira man as súas necesidades e trasladarlles tamén as primeiras iniciativas que levará a cabo a partir de maio cando chegue a Alcaldía.

Esta reunión inclúese dentro dos Encontros directos que Borja Verea está mantendo cos cidadáns polos diferentes barrios e parroquias da cidade, ao que hai que sumar as xuntanzas coas entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que o candidato popular iniciou hai xa máis de dous anos.

Verea amosou o seu compromiso de conectar de forma peonil Vista Alegre coa Peregrina cunha reurbanización que transforme unha das principais entradas á cidade nunha vía acorde da capital de Galicia e deixe atrás o “estado de abandono” que leva sufrindo esta zona desde hai anos. Para o candidato á Alcaldía é “inconcebible que este acceso á cidade se atope nunhas condicións que semellan máis as dun vial secundario que as dunha das principais entradas á capital de Galicia”, e engadiu que “estamos ante outra mostra de deixadez por parte deste goberno socialista esgotado e colapsado que durante este tempo non fixo nada para favorecer o tránsito de peóns entre dous puntos moi concorridos polos veciños da zona como son Vista Alegre e A Peregrina.

O tamén deputado autonómico asegurou ademais que buscará a mellor solución para arranxar os problemas de aparcamento que se rexistran nestas zonas pero para iso será necesario reorganizar tamén as liñas de bus para que o transporte público se convirta nunha verdadeira alternativa de mobilidade.

Ademais comprometeuse en adecuar á entrada ao Centro Sociocultural, que agora mesmo obriga aos veciños a atravesar unha zona sen luz e sen beirarrúas que no inverno se convirte nunha pista impracticable.

O candidato popular á Alcaldía, Borja Verea, salientou tamén que seguirán traballando “porque chegou o momento do cambio, a xente está decepcionada coas mesmas políticas de hai 30 anos, Santiago merece máis”. E insistiu en que “fronte ao Santiago da parálise e o atraso do Partido Socialista, propoñemos un Santiago con ganas de crecer; ao Santiago triste e antigo dos actuais dirixentes, propoñemos un Santiago en marcha e con ambición”.