Os Fogos do 24 de xullo dispararanse desde 5 puntos e durarán un mínimo de 12,5 minutos

O goberno local sacou a licitación o contrato, dotado de 260.000 € e que inclúe o audiovisual

Imaxe do espectáculo do ano pasado

Imaxe do espectáculo do ano pasado / ECG

REDACCIÓN

A Xunta de Goberno aprobou onte o expediente para a contratación do espectáculo dos Fogos do Apóstolo deste ano, cun orzamento base de licitación de 259.994,52 euros IVE engadido. O obxecto é o deseño, produción e realización do espectáculo pirotécnico das festas de xullo. Para executalo empregaranse cinco puntos da cidade desde os que se realizarán disparos sincronizados para crear un conxunto harmónico temporal e estético.

Os puntos de disparo deben manter as distancias de seguridade a vivendas e instalacións que esixe a normativa vixente sobre pirotecnia. Estes puntos son Santa Susana, Escalinata de Fontiñas (Parque Carlomagno), Cidade da Cultura, Parque Eugenio Granell e As Cancelas.

O espectáculo do día 31 de xullo será disparado desde un único punto: a Cidade da Cultura. A hora prevista para ambos espectáculos son as 23.30 horas, e terán unha duración mínima, segundo establece o prego de contratación, de 12 minutos e 30 segundos. O deseño da proposta técnico-artística, producción, realización e execución dos espectáculos pirotécnicos, corre a cargo da empresa adxudicataria. Igual que a subministración do material pirotécnico necesario, avalado e catalogado pola Unión Europea, e fabricado con materiais biodegradables e sen a presenza de percloratos.

O goberno municipal tamén aprobou a contratación dun sistema de detección e resposta nos equipos de usuario (EDR ou Endpoint Detection and Response) para os próximos 5 anos. A solución EDR consiste na instalación dun software nos 850 equipos informáticos dos funcionarios conectados á rede de datos do Concello de Santiago.