Nace unha técnica que combina na mesma proba diagnóstico e tratamento para a artrite

Foi desenvolvida por investigadores do Cimus e do IDIS que agora pretenden buscar a partir da mesma un tratamento que actúe de forma individualizada para cada paciente

Os investigadores Pablo Aguiar e María De la Fuente, no ÇIMUS, son os coordinadores do proxecto / CEDIDA

Os investigadores Pablo Aguiar e María De la Fuente, no ÇIMUS, son os coordinadores do proxecto / CEDIDA / lorena rey

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acaban de presentar unha revolucionaria técnica teragnóstica que combina nunha mesma proba diagnóstico e tratamento para a artrite de maneira personalizada.

“O que fixemos foi aproveitar o desenvolvemento dun péptido para o tratamento da artrite desenvolvido por parte da colaboradora do proxecto María Mayán do INIBIC (Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña)”, detalla en conversación con este medio, o investigador do grupo de Imaxe Molecular do CiMUS, Pablo Aguiar, co-coordinador da investigación xunto con María De la Fuente, do grupo de Nano-oncoloxía do IDIS. Nesa colaboración multidisciplinar tamén participou José Ramón Caeiro, do Servizo de Traumatoloxía do CHUS. Ao respecto, Aguiar indicou que o problema que teñen estes tratamentos é que “cando se administra na rodilla permanece pouco tempo no lugar de acción” polo que ten un efecto a moi corto plazo.

Co apoio nese traballo previo, o que fixeron agora foi nanoencapsular o péptido, é dicir, “metelo nunha nanopartícula e esa marcala radioactivamente con isótopo radioactivo”. Esa mistura pódese inxectar a un paciente e facer diagnóstico e tratamento conxuntamente. “A nanocápsula fai que o péptido se quede pegado na rodilla e non se libere tan rapidamente, segundo xa comprobamos en animais, algo que esperamos que en pacientes vaia ter un efecto terapéutico maior”, explicou. Ademais, poden facer unha imaxe PET ao haber un marcaxe específico que permite ver a tráves dunha imaxe “donde está ese axente terapéutico que inxectamos”.

Aínda que o uso de nanopartículas aumenta ese tempo de permanencia do tratamento na rodilla, algo que apreciaron en modelos animais con certos experimentos que xa presentaron, é esperable que isto non pase para os 100% dos pacientes “xa que cada persoa é un mundo e non queremos inxectarlle a un paciente un tratamento que non lle vai ser efectivo”. Desta maneira o que propoñen é introducir unha cantidade moi pequena de fármaco radiomarcado e facer o PET. No caso de que con esa técnica diagnóstica o tratamento se consiga pegar na zona durante un tempo suficiente “daríamosllo a ese paciente” e no caso de que o inxectado se libera o paciente non sería tratado. Así o obxectivo é apoiarse na teragnosis para facer un tratamento personalizado.

O investigador sostén que aínda é pronto para coñecer cando se pode levar a técnica á clínica. “Despois de presentar a tecnoloxía falta outro experimento máis en animais, que é comprobar se o conseguido con respecto a que o fármaco estea máis tempo na rodilla se traduce en que a terapia é máis efectiva”, asegura. Para ese ensaio con un número amplo de animais Aguiar recoñece que son experimentos “moitos máis caros”, polo que terán que buscar apoio da industria farmacética para axudarlles nese último paso antes de ir a un ensaio clínico.

Pablo Aguiar pon en valor que os descubrimentos presentados, publicados recentemente na revista Journal Controlled Release, son o resultado das múltiples investigacións realizadas durante os últimos dous anos por Sandra Díez-Villares, do grupo de María De la Fuente, e por Lara García-Varela, do grupo de Pablo Aguiar, que combinaron os seus perfís complementarios en nanotecnoloxía e imaxe PET respectivamente para desenvolver con éxito unha serie de experimentos de gran complexidade técnica.

Esta técnica pioneira en todo o mundo é unha aproximación que xa ten mostrado bos resultados no campo da oncoloxía, onde se está en ensaios clínicos. “Ata agora o diagnóstico e o tratamento camiñaron sempre en direccións bastante separadas e cada vez vaise máis a aproximacións que poidan xuntarse, algo no que se traballa moi activamente en cancro empregando aproximacións moi similares á nosa”, comenta. En calquera situación, o obxectivo final é facer unha imaxe que permita saber se o tratamento funciona para un paciente específico, o que se traduce en “seleccionar e individualizar a terapia”.