Continúa o cruce de declaracións entre o PSOE e o PP arredor da implantación da taxa turística en Santiago

O voceiro popular calificou, ao igual que o presidente Rueda, de “electoralista e pouco consensuado” a proposta de Raxoi // O alcalde, para rebaixar "tensión", anunciou este venres que non lle trasladará á Xunta o informe ata despois das eleccións municipais.

Un grupo de turistas percorre as rúas de Compostela

Un grupo de turistas percorre as rúas de Compostela / Jesús Prieto

Redacción

Continúa o cruce de declaracións entre o PSOE e o PP arredor do plan de Raxoi para aplicar unha taxa turística en Santiago. O grupo popular da capital de Galicia, ao igual que fixo o presidente da Xunta este xoves, tachou hoxe de “electoralista e pouco consensuadoo documento sobre a taxa turística que ven de presentarlle o partido socialista aos grupos da oposición. Tras a Xunta de Voceiros, o portavoz popular, José Antonio Constenla, manifestou que “ao candidato socialista hai que recordarlle que, máis alá das promesas electorais están as cuestións ás que se comprometera nos Plenos municipais, como o establecemento dun Plan de Sostenibilidade turística; ou un novo Plan de sinalización do Casco Histórico”. Mentres, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo anunciou este venres que, para evitar polémicas antes da cita do 28 de maio, non lle trasladará á Xunta o informe encargado para implantar a taxa turística na cidade ata despois das eleccións municipais.

Constenla remarcou que o candidato socialista aínda ten sen utilizar 3 millóns de euros do Plan de Sostenibilidade e “haberá que preguntarlle se pensa facer o mesmo cos cartos que recade desta taxa, xa que primeiro debería pensar en que investir o diñeiro que ten, en vez de recadar máis”.

Para o voceiro popular, “a política turística da capital de Galicia atópase totalmente abandonada, sobre todo, nestes catro últimos anos e non pode pasar por promesas de última hora”.

Constenla manifestou ademais que non é o momento de presentar un documento coma este, a trinta días das eleccións, posto que hai cuestións importantes que están pendentes de determinar e que necesitan análise, consenso e negociación, ademais de ser imprescindible implicar a todo o tecido socio-económico da cidade. Así, asegurou que “o consenso necesario para sacar adiante a taxa turística vaino liderar Borja Verea a partir do 1 de xuño como alcalde”, remarcando que “o destino dese imposto non pode ser unha decisión arbitraria, é necesaria unha negociación, polo que hai que traballalo e perfeccionalo”.