Natureza, música e tradición na IV edición da Festa do Banquete de Conxo

As actividades programadas desenvolveranse na carballeira, na Praza Aurelio Aguirre e nas rúas compostelás // O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a coordinadora da Festa do Banquete de Conxo, Cecilia Carballido, e o responsable do centro sociocultural, Xulio Noya, presentaron a nova edición este venres

O alcalde, Sánchez Bugallo, a coordinadora da Festa do Banquete de Conxo, Cecilia Carballido, e o responsable do centro sociocultural, Xulio Noya, en Conxo co cartel da edición 2023 do Banquete

O alcalde, Sánchez Bugallo, a coordinadora da Festa do Banquete de Conxo, Cecilia Carballido, e o responsable do centro sociocultural, Xulio Noya, en Conxo co cartel da edición 2023 do Banquete / ECG

Os días 12, 13 e 14 de maio o barrio de Conxo volve ao século XIX coa celebración da IV Festa do Banquete, con actividades que se desenvolverán na carballeira, na Praza Aurelio Aguirre e nas rúas compostelás. A presentación desta nova edición produciuse na mañá do venres no Centro Sociocultural de Conxo Aurelio Aguirre, da man do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a coordinadora da Festa do Banquete de Conxo, Cecilia Carballido, e o responsable do centro sociocultural, Xulio Noya.

O motivo deste ano é o bosque, e así se reflicte no cartel, obra do deseñador Pancho Lapeña, que combina bosque e banquete. O bosque no que se desenvolve o día grande da festa, o domingo 14 na Carballeira de Conxo co tradicional xantar e romaría popular. Ás 11 da mañá partirá da Praza do Toural o desfile teatral, no que participen diversos grupos do concello e doutras localidades, Alá van estudantes e artesáns, dirixido polos Quinquilláns e acompañado coa música de Muiñeiros do Sarela. Unha vez que o desfile acade a carballeira é o tempo do pregón, que este ano pronunciarán o artesán Xosé Lois Mouriño e artista Lucía Pérez Lemos, dos barrios de Sar e Villestro, respectivamente, os lugares convidados deste ano.

Na tarde do domingo, alén dos xogos e pasarrúas de xigantes, celebrarase de novo "O serán da fraternidade", unha foliada de música tradicional que rematará coa despedida da festa e convite á seguinte edición por parte do grupo Os Quinquilláns. Pero, en realidade, a festa non para, xa que na Praza Aurelio Aguirre, logo da clausura do Mercado e da Mostra de Artesanía, A Banda das Crechas ofrecerá o concerto de peche.

Cartel da edición 2023 da Festa do Banquete

Cartel da edición 2023 da Festa do Banquete / Pancho Lapeña

A xornada inaugural, o venres 12, vai estar protagonizada pola cativada e pola música. As 11 da mañá terá lugar na carballeira de Conxo o Pequeno Banquete, unha representación teatral dramatizada pola compañía Os Quinquilláns para o público dos centros escolares do municipio. Ao remate, o concerto das Fillas de Cassandra que rematará coa gravación do videoclip do tema Lisístrata na que participarán as rapazas e rapaces asistentes. Na xornada da tarde é a quenda dos obradoiros, de baile tradicional e de cantos de taberna e serán precisamente estes cantos os que soen nos bares do barrio a partir das 21 horas.

O sábado dan comezo o Mercado do Libro e da Artesanía e a Mostra dos Oficios Tradicionais, coma sempre na Praza Aurelio Aguirre até o domingo e coa participación dunha ducia de librarías e editoras e cinco artesáns e artesás de cestaría, cerámica, instrumentos tradicionais, encaixe e ferraría. Durante o desenvolvemento do mercado haberá actividades infantís e xuvenís, e no sábado ademais, obradoiro de deseño e confección de vestiario de época coa costureira Bety Busto e un posto de Chimpos para alugueiro de vestiario.

Alén diso, a xornada do día 13 arrincará coa II Andaina Musical da Escola de Música Municipal que consistirá nun percorrido polas Brañas do Sar, a Colexiata, a Pontepedriña e Conxo. As 10 e ás 11, novamente na carballeira, levarase a cabo a actividade inmersiva Baños do Bosque, un percorrido polo lugar para o que se farán quendas de 12 persoas entre aquelas que o soliciten a través do correo bosque@santiagodecompostela.gal. Na mesma quenda de mañá, o editor Henrique Alvarellos será o guía do paseo literario pola carballeira para lembrar autoras e autores que escribiron sobre ou bosque ou no bosque entre o séculos XII e XX.

A quenda de tarde do sábado abrirase ás 18 horas coa mesa redonda As enerxías renovables a debate. De seguido o Concerto de Coros e Orfeóns no Hospital Psiquiátrico e ás nove da noite a Festa da Poesía, conducida por Helena Salgueiro na Praza Aurelio Aguirre.