Os alumnos do Quiroga Palacios réndense á historia teatralizando o pequeno banquete de Conxo

Os máis de 170 estudantes compartiron tamén protagonismo no concerto de Fillas de Cassandra, sobre as que se abalanzaron

Lucho Penabade, esquerda, durante a súa actuación cos nenos do CEIP Quiroga Palacios/ Antonio hernández

Lucho Penabade, esquerda, durante a súa actuación cos nenos do CEIP Quiroga Palacios/ Antonio hernández / koro martínez

Apotéosico final, cos máis de 170 alumnos do CEIP Quiroga Palacios abalanzados sobre as integrantes do grupo Fillas de Cassandra tras cantar con elas algúns dos seus temas e, sobre todo, tras brincar e bailar ao ritmo da súa música, así terminou onte na Carballeira de Conxo a celebración do denominado O Pequeno Banquete.

Un final no que os rapaces se dividiron en dúas filas para pedir os autógrafos de María Soa e Sara Faro sen que ambas puidesen sequera moverse do escenario, artistas coas que compartiron tamén protagonismo nun vídeo gravado durante o concerto e no que en todo momento houbo intérprete de lingua de signos para os estudantes xordos e con dificultades auditivas cos que conta o centro.

A encargada foi Tareixa Martínez, quen en declaracións a este xornal explicou que se ocupa desta tarefa por sétimo curso consecutivo no Quiroga Palacios, onde ensina aos alumnos que non teñen problemas de audición a linguaxe de signos porque “a integración entre todos os rapaces nesta época da vida é fundamental, non só que se poidan comunicar cos profesores, senón que tamén o fagan entre os propios nenos”.

Esgotada tras o concerto, no que non parou de bailar, sinalou que “na música, ademais das letras coa linguaxe de signos, hai que transmitir o son”, e recoñeceu que tivo que improvisar nalgunhas cancións porque non había un vídeo previo para preparalas”.

María Soa, ante unha enorme ringleira de seguidores que apenas si lle deixaban contestar, asegurou que “foi dos concertos con público máis apaixonante, máis entregado”, e que tamén elas desde este venres mesmo iniciábanse na aprendizaxe da linguaxe de signos.

Antes da actuación musical, os rapaces do Quiroga Palacios teatralizaron o Pequeno Banquete co grupo Os Quinquilláns, que son os encargados de todas as escenificacións coas que conta o programa desta edición.

Preguntados sobre as súas sensacións, e aínda que por petición da dirección do colexio non poden ser identificados cos seus nomes, unha nena de 11 anos sinalou que “era a primeira vez que actuaba, e tiña máis nervios que outros anos que acudía só como espectadora”, pero que “foi moito máis divertido”, e sobre o contido da recreación dixo que “se celebran os bos sentimentos, os desexos de liberdade, de igualdade e fraternidade”.

Unha alumna e dous compañeiros de 9 anos que desfrutaron coa interpretación dos outros estudantes non se poñían de acordo sobre se ao final aos malos os mataban ou os encarceraban, pero coincidían en que “é moi bonito”.

Para outro actor de 11 anos, a experiencia “foi moi divertida”, e dixo que “xa coñecía esta historia de ricos e pobres porque son de Conxo e xa viñera outras veces”.

E unha actriz de 10 anos indicou que a linguaxe de signos era para todos eles moi familiar porque “unha nena da miña clase está xorda e desde primeiro aprendemos a comunicarnos con ela desta forma”.

Tamén a directora do Quiroga Palacios, Olga Raíces, destacou a importancia da inclusión e integración de todos os alumnos, e explicou que colaboran nesta iniciativa artística a proposta do Concello.

Tero Rodríguez, de Os Quinquilláns, apuntou que todo foi moi fácil porque, “aínda que non puidemos ensaiar moito, todos estes rapaces son moi responsables”. E o seu compañeiro Lucho Penabade, quen compartiu escenario cos alumnos, dixo que o máis reseñable da obra representada “é a solidariedade dos estudantes cos traballadores, entre diferentes clases que entón estaban moi estancas”.

O programa para hoxe, desta cuarta edición da Festa do Banquete inclúe roteiros, un concerto de coros e orfeóns de varios barrios e a Festa da Poesía.