Borja Verea promete que os veciños do rural aparcarán gratis dúas horas na zona azul

O alcaldable sostén que o PP vai gañar os comicios “con moita diferencia” sobre as demais forzas // Remarca que os cidadáns deben optar polo ar fresco ou por un tripartito

Borja Verea, candidato popular á alcaldía, na súa visita de onte á veciñanza do rural / CEDIDA

Borja Verea, candidato popular á alcaldía, na súa visita de onte á veciñanza do rural / CEDIDA / ECG

ECG

O candidato popular á alcaldía de Santiago, Borja Verea, valorou onte a enquisa de Prensa Ibérica no sentido de que o PP vai gañar as eleccións “con moita diferencia sobre as demais forzas”. “A cinco días dos comicios os cidadáns terán que madurar se optan por un tripartido ou polo ar fresco que representa o PP”.

Verea visitou dúas parroquias do rural compostelán, Cesar e Verdía, e alí anunciou que unha das súas medidas se chega a ser rexedor será a de bonificar a zona azul, ou zona ORA, para a veciñanza do rural. Trátase de que, segundo explicou Verea, a primeira rotación sexa gratuíta, é dicir, que as dúas primeiras horas de estacionamento estarán bonificadas para todas aquelas persoas censadas, e co vehículo rexistrado, nalgunha das parroquias do rural.

Outro dos anuncios que fixo Verea na súa visita a estas parroquias foi a da creación dunha Brigada do Rural, se o vindeiro domingo 28-M a veciñanza deposita nel a confianza para que sexa o rexedor da cidade. Dita brigada ocuparíase de “ter ao día” o mantemento e a limpeza das áreas rurais, para o que incrementará os medios de limpeza con, entre outras, a adquisición de máis tractores. 

A mencionada brigada será tamén o arranque do Plan de desbroces de pistas forestais e de gabias, “para facilitar o tránsito dos residentes e evitar así os riscos que se producen cando estes espazos non recibén unha mínima atención”, comunican dende o Partido Popular de Galicia (PPdeG). Para o candidato popular, “é importante liberar os camiños de matogueira e planificar desbroces periódicos en todas as parroquias”.

“Estamos a falar dunha demanda recorrente nas diferentes zonas do rural”, subliñou o candidato Verea, “alá onde imos a maleza invade as cunetas, os camiños de terra municipais”, de aí que para Verea sexa urxente revertir esta situación.

Outro dos plans que o candidato popular ten pensados para o rural é o de Infraestruturas, “perfectamente programado para levar a medio prazo o saneamento a todos os puntos”; ademais de colocar o abastecemento de auga, en colaboración con outros concellos, “a onde o Partido Socialista non foi quen durante os últimos 40 anos”; á parte de mellorar a sinalética; establecer unhas liñas de autobús que cubran as súas necesidades; dotar o rural de parques infantís modernos e mellorar os firmes das estradas en peor estado.”

Así mesmo, o aínda parlamentario autonómico, Borja Verea, tachou de “tomadura de pelo” a escenografía que preparou o actual alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, coa sinatura do Pacto polo Rural a un mes das eleccións, é dicir, “catro anos máis tarde de terse comprometido e cando o PSOE non ten feito nada polo territorio máis extenso do Concello de Santiago”, destacan os populares. Verea tamén quixo remarcar que, “o noso pacto será todos os días durante o próximo mandato”, a motiviación, “os veciños do rural pagan os seus impostos e merecen ter as súas parroquias nunhas condicións dignas”.