Entrevista | MARÍA ROZAS Candidata á Alcaldía de Santiago con Compostela Aberta

"Rueda e o candidato do PP non recoñecen que haxa un problema de vivenda en Santiago"

{Santiago, 1981} Licenciada en Ciencias Polítics pola USC, a súa traxectoria política comezou en 2015 con Compostela Aberta, con quen foi concelleira de Economía e Facenda até 2019, cando pasou a ser voceira da formación e posteriormente candidata á alcaldía coa ollada posta “en mellorar a vida das veciñas e veciños de Santiago”.

A candidata de CA, María Rozas, nos soportais do Pazo de Raxoi /antonio hernández

A candidata de CA, María Rozas, nos soportais do Pazo de Raxoi /antonio hernández / Ana Triñáns

A candidata de Compostela Aberta (CA) ás eleccións municipais do 28 de maio, María Rozas, recíbenos no despacho da súa formación no Pazo de Raxoi para explicar algunhas das liñas mestras do seu programa para a cidade. A vivenda, a xestión da auga ou facer unha Compostela máis amigable para peóns, maiores e crianzas son algunhas delas. Rozas, ao respecto dos demais partidos con representación agora no Pleno, advirte que “a día de hoxe aínda non teñen publicados en ningún lugar os seus programas políticos para Santiago”, ao tempo que se distancia deles porque CA “quere unha cidade para a veciñanza” e di que non son precisas “as promesas millonarias e irrealizables”. “Quero un bo Santiago no que a xente queira vivir e non só unha boa cidade que xente queira visitar”, afirma a candidata de CA.

—A vivenda é un dos principais problemas que CA ve na cidade. Recuperar a Empresa Municipal de Vivenda e fixar prezos inferiores ao mercado son algunhas das propostas. Como se artellaría iso, tendo en conta que as competencias de vivenda son da Xunta de Galicia?

Certo é que hai competencias que son da Xunta e que o presidente Alfonso Rueda, igual que o candidato do PP en Santiago, Borja Verea, non recoñecen que haxa un problema de vivenda aquí. Hai uns días Rueda falaba de que non era consciente de que en Galicia houbera esta dificultade, e Borja Verea tamén di que hai un excesivo cargo de vivenda de protección en Santiago, cando hai 800 familias á espera de vivenda de protección oficial, competencia da Xunta, e levamos cunha parcela en Xoán XXIII esperando desde hai máis dunha década. Somos críticas con algunhas cuestións da nova Lei de vivenda pero outras son un paso adiante para garantir este dereito constitucional, como pode ser declarar zonas tensionadas e poñer un tope nos alugueiros. A Asociación Galega de Inmobiliarias poñía un dato sobre a mesa que me parece moi indicador da situación. Dicían que hai agora en Santiago sobre 100 vivendas en mercado de aluguer fronte a máis de 700 para pisos turísticos. Ese cento de vivendas, que non son suficientes, teñen ademais prezos non asumibles. Dentro das competencias que ten a administración local, CA propón crear unha Empresa Municipal de Vivenda para que constrúa en solo municipal.O que se edifique ten que venderse a prezo taxado, menor ao mercado. E hai que ir máis alá, esta empresa ten que xestionar un parque público de vivendas e rehabilitar casas baleiras prezos de alugueiro social.

A masificación na cidade histórica e os pisos turísticos semellan un problema para parte da veciñanza. Cal é aquí a postura de CA?

Sempre fomos claras e contundentes coa nosa posición sobre os pisos turísticos. Pasounos incluso factura electoral, fomos tachados de turismofóbicos, e as forzas políticas que agora defenden o mesmo que nós, Sánchez Bugallo en concreto, no seu momento criticou a CA polas propostas que agora comparte. Cremos que hai que limitar os pisos turísticos e estamos moi orgullosas do feito no anterior mandato de CA de limitar este tipo de pisos e a creación de novos hoteis no casco histórico. Nun debate o señor Borja Verea dicía que el quere máis pisos turísticos no casco histórico, considera que aínda había marxe para abrir hoteis. Non o compartimos en absoluto. Se queremos un casco histórico vivo e para a veciñanza hai que limitar eses pisos. CA recibiu moitísimas presións para que neste mandato non levantaramos a man no pleno que viabilizaba a modificación do planeamento e que limitaba isto de forma definitiva. Non cedemos porque o noso interese é a veciñanza e somos coherentes cos nosos principios.

Xestionar o servizo da auga é algo no que CA tamén insiste. Cal é a súa importancia?

Parto da diagnose de que o Concello de Santiago ten unha rede de saneamento e de abastecemento lamentable, porque non chega á maior parte do rural e estamos no ano 2023. E nos lugares, onde si hai abastecemento e saneamento está totalmente obsoleto. Este modelo é unha concesión de 50 anos cunha empresa privada e está claro que non funciona. As outras forzas propoñen o mesmo, continuar con este modelo por 25 anos máis. Nós propoñemos algo que non é innovador porque xa está en moitísimos concellos. Valladolid, asumiu hai 5 anos a xestión directa da auga, logo de 20 dun modelo de concesión privada, onde non se investira nada na rede e había un cálculo de necesidade de investir 97 millóns de euros, pois en 5 anos invisten cada ano na rede 10 millóns de euros, van 50 millóns de euros e xa superaron a metade das necesidades que tiñan en saneamento e abastecemento. Cando investiu Santiago na rede 50 millóns de euros? Nunca. CA quere que un ben esencial como a auga estea a disposición dos veciños.

Como melloraría a súa formación aspectos como a mobilidade e o transporte público?

Hai queapostar por outros modelos de transporte se queremos unha cidade máis amigable, ter espazos para peóns, maiores e crianzas. Hai que ter alternativas para deixar o coche na casa. Hoxe Santiago ten un suspenso absoluto nisto, non é unha posibilidade real. Para CA é clave ter un transporte público de calidade, non só ter buses en bo estado, que non queremos que nos caian a cachos como pasou neste mandato. Pero tamén que ese transporte teña unhas liñas que conecten ben os barrios e o rural e aí Sánchez Bugallo olvídase unha vez máis do transporte a demanda. Quixo resolvelo anunciado que ía comprar microbuses pero nin condutores hai. E por outro lado, son claves as frecuencias, se hai viaxes de case unha hora non colles o bus, ou se tes que facer moitos transbordos. Sempre defendemos que as liñas principais tiñan que ter unha frecuencia de 10 minutos, e Bugallo empeorounas, só hai unha liña de 12 minutos e o resto están moi lonxe da frecuencia idónea.

Verea fala dun “tripartito de perdedores. Está CA disposta a chegar a un pacto con PSSOE e BNG?

Se houbo un tripartito de perdedores en Santiago foi o goberno dos tres alcaldes: Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández. Foi o peor da historia do concello. Pactos, o que toca é esperar a que a veciñanza reflicta co seu voto que Santiago quere a partir do próximo 29 de maio. Calquera acordo, coalición, ver cal é o futuro do concello decidirase despois do 28-M.

Hai algunha proposta dos seus contrincantes que o CA poida asumir como propia?

É que os outros partidos lanzarán moitas propostas pero non teñen programa, a día de hoxe non están publicados en ningunha web, en ningún lugar. Sei o que din pola boca grande pero descoñezo cal é a súa palabra escrita sobre o programa para Compostela. O único que poden consultar os veciños e veciñas de Santiago é o de CA.

É a peor proposta das que escoitou, cal sería?

Nestes días digo moito que CA non entra nesta carreira contrarreloxo dos candidatos e candaditas cando están en campaña para ver quen fai a proposta máis grande, máis millonaria e máis irrealizable. Santiago está cheo de promesas incumpridas e hai que ser honestos coa veciñanza. Promesas como pode ser soterrar medio Santiago, esa proposta de Borja Verea, eses 40 millóns de euros nalgo que non é unha solución nin dende o punto de vista de mobilidade nin do económico con todas as necesidades que ten Santiago. Tamén podía falar dos teleféricos de Bugallo ou de promesas sobre vivenda. Os 10.000 pisos no polígono da Pulleira, e aí está a hemeroteca, son unha promesa que xa se facía en 2005. En Santiago hai que ser ambiciosos, hai que dar un cambio de rumbo, nós temos propostas para cambiarlle o día a día á veciñanza.