Desconvocada a folga no transporte urbano de Santiago

Tras a resposta do Concello, desconvócase a folga que afectaría o festival O Son do Camiño

Uno de los autobuses urbanos realizando el servicio de la línea 6A

Uno de los autobuses urbanos realizando el servicio de la línea 6A / ECG

Redacción

As centrais sindicais convocantes consideran satisfactoria a resposta do Concello e desconvocan a folga de transporte urbano que ía afectar os vindeiros días 15, 16, 17 e 18 de xuño á celebración, no Monte do Gozo, do festival O Son do Camiño. Máis advirten da volta ao conflito se quen resulte adxudicatario divide igualmente ao cadro de persoal.

Tal e como se acordara na reunión cos responsables municipais, o comité de folga rexistrou unha pregunta no portal de contratación sobre a afectación da sentenza do TSXG sobre as Unións Temporais de Empresas nos concursos públicos do transporte de viaxeiros e sobre se esa sentenza se tería en conta aos efectos dos pregos de condicións do concurso do transporte urbano de Santiago. Finalmente estas preguntas foron respondidas no día de onte, respectándose os termos previamente avanzados nesa mesma reunión.

A parte social salienta que non é que iso sexa unha solución definitiva máis si a única saída á que se podía aspirar neste momento tras a publicación dos pregos. Responsabilizan desta situación á falla de diálogo durante o últimos catro anos onde os representantes dos traballadores e traballadoras non tiveron a oportunidade de ser escoitados e tidos en conta no Concello para aportar a súa visión nas cláusulas sociais dos pregos. E mais cando a única pretensión era a de que os novos pregos axudaran a que non se dividira ao persoal e varias empresas. Unha situación que, por outra banda, de todas as cidades galegas que contan con transporte urbano só ocorre en Santiago.

Esta medida ademais de favorecer aos traballadores e traballadoras á hora de defender as súas condicións laborais e que estas sexan as mesmas, serve tamén para que se faga un mellor control da calidade do servizo ou do estado dos vehículos. Unha situación que á vista está que é algo importante non só para condutores e condutoras senón para toda a cidadanía.

Con esta situación, ao cumprirse o acordado e tal e como xa decidira a asemblea de traballadores celebrada o pasado día 23 de maio, comunícase a desconvocatoria da folga prevista para as datas dos concertos do Son do Camiño. Mais advertindo tamén de que se a empresa ou empresas que resulten adxudicatarias, mesmo nestas condicións, volven tentar dividir as relacións laborais do cadro de persoal pola vía de contratar por diferentes empresas ou pola vía de constituír varios centros de traballo, o conflito reiniciaríase co inicio da nova contrata, algo que tamén se acordou na mesma asemblea.

Ademais disto dáse conta do compromiso de Goretti Sanmartín acadado onte coas centrais sindicais de manter unha reunión tras a toma de posesión, nas primeiras semanas de mandato, para abordar este asunto e a situación do transporte urbano