A USC remata o exercicio económico cun superávit de 3,5 millóns de euros

A recuperación da xestión directa do servizo de limpeza logrou un aforro de 1,2 millóns de euros nos últimos dous anos

O reitor, Antonio López, no Consello de Goberno da USC

O reitor, Antonio López, no Consello de Goberno da USC / usc

Por cuarto ano consecutivo a Universidade de Santiago de Compostela logra gastar menos do que ingresa. O Consello de Goberno da institución académica analizou onte o informe de xestión, que revela que a USC pechou o pasado exercicio económico de 2022 cun superávit de 3,5 millóns de euros. No período de goberno asociado ao reitorado de Antonio López o orzamento da institución evolucionou dende os 244 millóns de euros do exercicio 2019 aos 274 millóns do pasado ano, “o que representa un proceso de recuperación da magnitude económica que a USC rexistraba nos momentos previos ao inicio da crise económica de 2010”, informou onte a institución académica.

A USC fai fincapé en que se incrementaron os recursos pola actividade investigadora. Case 50 de cada 100 euros captados no Sistema Universitario Galego foron xestionados pola institución compostelana. O informe resalta que para acadar o superávit tamén foi importante a implantación de medidas de aforro. En 2021 a Universidade recuperara a xestión directa do servizo de limpeza, que estaba privatizado. A súa internalización supuxo que se deixasen de gastar 1,2 millóns de euros nos exercicios 21 e 22. A outra medida que impactou no orzamento foi a redución do 35% do gasto enerxético. De non terse aplicado o plan de aforro, o gasto neste concepto subiría 1,5 millóns de euros. Ademais, a USC logrou mellorar os seus ingresos grazas á maior dotación do financiamento autónomico aos campus. No periodo 2022-2026 as tres universidades recibirán da Xunta un 20,6% máis que no período anterior, un total de 3.200 millóns de euros.

“A execución desta política de xestión económica permitiu o incremento dos recursos para a contratación e mellora das condicións de traballo do persoal”, suliña a USC. Nun comunicado, resalta que as medidas implementadas “supuxeron un incremento medio das condicións retributivas próximo ao 17% no período 2019-2023”.

Novos mestrados

Biociencias Moleculares, Economía Circular e Ensino de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua son as novas propostas de titulacións de mestrado universitario aprobadas polo Consello de Goberno para a súa implantación no curso 2024/2025. Ademais, o órgano colexiado abordou as modificacións substanciais de titulacións de grao, mestrado universitario e programas de doutoramento para o curso 2024/2025, e a oferta e as memorias de estudos propios.

A orde do día completouse coa proposta de supresión do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’; a transformación da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier na de Cultura Latinoamericana Alejo Carpentier; a aprobación do Regulamento do Comité de Ética da USC; e a tamén aprobación das memorias dos Institutos de Investigación, Centros Propios e Centros Singulares do ano 2022 e das memorias das Plataformas Científico-Tecnolóxicas do pasado ano. Convenios, asuntos económicos e actualización de tarifas integraron tamén a listaxe de temas.