Un estudo ve preciso chegar a 1.100 femias reprodutoras para garantir a supervivencia do lince ibérico

A investigación, na que participou a bióloga da USC Mª Do Carme Pacín, aposta por aumentar o tamaño, número e conexión das subpoboacións

Carme Pacín, investigadora na Facultade de Bioloxía da USC

Carme Pacín, investigadora na Facultade de Bioloxía da USC / Cedida

Un estudo publicado en Animal Conservation e do que forma parte María do Carme Pacín Salvador, pertencente ao grupo Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía vexetal da Facultade de Bioloxía da USC, abordou as condicións necesarias para que o lince ibérico alcance a viabilidade xenética a longo prazo, testando distintos escenarios que difiren no número de subpoboacións, o seu tamaño e a conectividade entre elas. A principal conclusión da investigación é que resulta imprescindible acadar o número de 1.100 femias reprodutoras, aumentando o tamaño das subpoboacións entre un 50-200%, así como o número de subpoboacións, creando un total de oito núcleos adicionais aos xa existentes.

O artigo titulado ‘Evaluation of the genetic viability of metapopulation scenarios for the Iberian lynx’ está tamén asinado por Germán Garrote da Axencia de Medio Ambiente e Auga de Andalucía, e por José Antonio Godoy da Estación Biolóxica de Doñana-CSIC. “A pesar da favorable recuperación do lince ibérico, a súa supervivencia a longo prazo atópase ameazada debido á erosión xenética que presenta. Neste estudo analizamos as condicións necesarias para que a especie alcance a viabilidade xenética a longo prazo”, explica Carme Pacín.

Outro dos puntos nos que incide o estudo é na necesidade de incrementar a conexión entre as subpoboacións. Así, o ideal sería acadar taxas de migración próximas ao 0,1 por cento entre comunidades veciñas. “O estudo amosa que crear poboacións pequenas e illadas non contribúe en absoluto á viabilidade xenética da especie, e que debe favorecerse, na medida do posible, o crecemento das poboacións por riba da creación doutras novas”, matiza a investigadora da institución compostelá.

Dende o equipo investigador relatan que a escaseza de zonas con densidade suficiente de coello europeo, a principal presa do lince ibérico, dificulta o incremento desexado. Con todo, estudos recentes suxiren “unha maior plasticidade ecolóxica do lince do que se esperaba anteriormente”, matizan. Neste senso, hábitats considerados subóptimos, ou mesmo inadecuados para a especie no pasado, están a ser utilizados polo lince ibérico, como é o caso dos oliveirais. “Isto abre novas posibilidades naquelas áreas onde a capacidade de carga, orixinalmente avaliada en base ao hábitat de matogueira mediterránea, pode ser moito maior ao considerar os hábitats agrícolas adxacentes, permitindo que as subpoblaciones actuais e futuras medren ata os tamaños contemplados neste estudo”, conclúen.