Un estudo do Cretus demostra que o uso de recursos residuais en vez de fósiles reduce o impacto ambiental

A tese doutoral de Ana Arias Calvo, que recibiu a mención de Cum Laude, analizou refugallos dos sectores agroalimentario e forestal

A investigadora do Cretus, Ana Arias (c) xunto a Gumersindo Feijoo, pola esquerda, María Teresa Moreira e Jonh Alexander e de fondo, María Paula Bautista e Patrizia Ghisellini, despois da defensa da tese de doutoramento / |  USC

A investigadora do Cretus, Ana Arias (c) xunto a Gumersindo Feijoo, pola esquerda, María Teresa Moreira e Jonh Alexander e de fondo, María Paula Bautista e Patrizia Ghisellini, despois da defensa da tese de doutoramento / | USC / l. rey

Demostrar que optar pola valorización de recursos residuais supón menor impacto ambiental que usar recursos fósiles, ademais da súa viabilidade tecnoeconómica, e que por outra banda a biorrefinería vai máis alá de producir biocombustibles son as dúas principais conclusións da tese de doutoramento de Ana Arias Calvo, investigadora do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago.

Realizada baixo a dirección de Maria Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo Costa, e ao abeiro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BIOGROUP) do Cretus, a tese de doutoramento propón o desenvolvemento de procesos biotecnolóxicos baseados no aproveitamento de recursos procedentes da industria de papel, do sector agroalimentario e o sector forestal en termos de sustentabilidade e circularidade. Avalíanse estratexias de produción biotecnolóxica para a valorización de recursos en produtos de alto valor engadido mediante metodoloxías de circularidade, sustentabilidade e análise de ciclo de vida para estudar as súas principais vantaxes e impactos.

Durante o proceso desenvolveuse a modelaxe dos procesos a gran escala (a través de ferramentas como o SuperPro Designer ou Aspen Hysys), para así obter os balances de materia e enerxía precisos na aplicación das metodoloxías de avaliación ambiental e tecnoeconómica. Entre outras probas, a súa avaliación contempla a análise do ciclo de vida dos produtos, o cumprimento dos principios da química verde ou sostible e exames de eco-eficiencia, así como de viabilidade económica. Este compendio de metodoloxías permitiu medir a produtividade e a potencialidade dos procesos biolóxicos e establecer comparativas cos procesos tradicionais baseados en recursos fósiles e posibilitou identificar as principais vantaxes e os retos esenciais cara a súa inclusión no mercado e na cadea de valor.

A tese constata a posibilidade de usar integramente residuos procedentes de varios sectores produtivos (alimentario, agrícola e forestal, principalmente) para propor modelos de produción máis circulares e sostibles. Ao tempo, a investigación proporciona novos enfoques de biorrefinería que van máis alá do aproveitamento enerxético dos recursos para producir biocombustibles e mesmo para obter biocompost, os métodos de tratamento máis empregados na xestión sostible dos residuos na actualidade.

A través da modelaxe a gran escala, nunha capacidade produtiva análoga aos modelos de produción tradicional, obsérvase que a maior parte dos esquemas de valorización presentados son viables economicamente e que, ademais, teñen uns impactos ambientais asociados inferiores aos modelos de produción lineais. Finalmente, e xa cara ao futuro, identifica a optimización no uso da enerxía e o uso de enerxías renovables como aspectos clave para incrementar a potencialidade económica e ambiental dos procesos de biorrefinería e biotecnolóxicos.

Estancia en tres universidades por parte da investigadora

A profesora Maria Paula Baptista da Costa Antunes, da Universidade Nova de Lisboa, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese o pasado 17 de xullo, no que tamén tomaron parte o profesor da Universidade de Delft John Alexander Posada Duque, en calidade de secretario, e a investigadora da Universidade Partenope de Nápoles Patrizia Ghisellini, en calidade de vogal. O traballo recibiu a cualificación de Cum Laude e a Mención Internacional.

No proceso de realización da tese, Ana Arias Calvo completou tres estancias de investigación: na Universidade Agrícola de Atenas baixo a dirección do profesor Apostolis Koutinas, na Universidade Brunel de Londres, coa profesora Evina Katsou, e na Universidade do Minho, coa profesora Lucília Domingues e ao abeiro do programa IACOBUS.

Un total de once publicacións, todas elas de alto impacto, conforman esta tese por compendio de artigos que se enmarcan, principalmente, en dous proxectos de investigación: ‘WoodBAdh (PCI2018-092866)’, financiado polo programa ERA-CoBioTech e baseado no desenvolvemento de bioadhesivos para evitar o uso de formaldehido; e ‘iFermenter (790507)’, financiado pola Bio Based Industries Joint Undertaken ao abeiro do programa Horizonte 2020 e polo consorcio Bio Based Industries, e no que se trataba de empregar licor procedente da polpa de papel para a obtención de antimicrobianos como a nisina. Ademais, e grazas as estancias de investigación mencionadas, a investigadora participou noutros proxectos, como o ‘BL2F (Black-Liquor-To-Fuel)’, en colaboración coa Universidade de Brunel, e no proxecto ‘Innovaguas 4 (2022-CP060)’ financiado pola Xunta de Galicia.