Síguenos en redes sociales:

O índice de avellentamento da capital galega medrou máis de 20 puntos nos últimos oito anos

O profesor de Xeografía Humana da USC Carlos Ferrás explica que frear esta tendencia pasa por “definir o modelo de cidade que quere ser Santiago e por deseñar novas políticas de vivenda a medio e longo prazo”

O índice de avellentamento da capital galega medrou máis de 20 puntos nos últimos oito anosAntonio Hernández

A cidade de Santiago viviu nos últimos anos un importante incremento no índice de avellentamento poboacional, medrando en máis de 20 puntos entre o 2014 e o 2021, segundo as últimas cifras recollidas polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este índice, segundo se explica na páxina do INE, contempla o número de persoas maiores de 64 anos por cada cen menores de 16.

Se hai nove anos esta taxa era do 148% (148 maiores de 64 por cada cen menores de 16), ao ano seguinte medraba catro puntos, nos que se mantiña en 2016, pero dende aí continuou progresivamente o aumento con taxas de: 154% en 2017, 156% en 2018, 158% no ano 19, 163% en 2020 e 169 en 2021. Uns datos que o catedrático da Universidade de Santiago (USC) e profesor de Xeografía Humana, Carlos Ferrás, define como “unha cuestión xeral”.

A tendencia en Galicia é cara ao avellentamento dende hai décadas, pero tamén é así no contexto europeo, como apunta o profesor Ferrás, “cae a natalidade, ao tempo que hai unha maior esperanza de vida, o que leva a un avellentamento xeralizado nos países desenvolvidos”. Unha idea que apoian os datos do INE, que mostran que Ferrol é a cidade cun índice máis alto entre as sete cidades, 263% en 2021, seguida de Ourense (207%) e A Coruña (197%). Santiago ocupa por pouco a cuarta posición, e o índice máis baixo correspóndelle á cidade de Pontevedra (150% en 2021).

“Avellentamento é sinónimo de problemas de desenvolvemento urbano, problemas coa vivenda, co emprego... múltiples e diversos”, ao que Ferrás engade que “hai que ter en conta que a poboación adulta en idade reprodutiva agora mesmo, de forma maioritaria, reside en municipios da área suburbana de Santiago como Ames e Teo”, o que contribúe enormemente ao avellentamento. Unha cuestión que non se está a paliar polo feito de que Santiago sexa unha cidade universitaria, xa que esta poboación é flotante, non está censada e polo tanto non forma parte desta estatística, e porque tamén cada vez menos mozos viven na cidade. “Durante o curso académico hai unha inxección de poboación nova importante, pero tamén ata certo punto cada vez menos, porque descende o número de matriculados ano tras ano, os problemas da vivenda tamén os expulsan aos concellos da periferia e cada vez é máis frecuente que o estudantado vaia e veña no día porque as distancias son máis curtas, os transportes case gratuítos para a xente nova...”. Cuestións todas elas que, segundo o profesor, “contribúen á crise demográfica da cidade, “algo que, evidentemente, debe ser afrontado”.

Unha cidade avellentada

O avellentamento poboacional ten consecuencias a nivel urbanístico, de servizos, de infraestruturas... “Unha cidade envellecida é unha cidade conservadora, entra nun ciclo de declive”, asegura Carlos Ferrás, porque a partir dunha idade emprender, cambiar ou innovar é moi complicado. As persoas xubiladas “pasan a ser dependentes do sistema de pensións e viven nun parque de vivendas estático”, xa non hai intención de mudarse. Unha cuestión que repercute, segundo o catedrático da USC no mercado da vivenda, que é escaso, “ao tempo que se expulsa a quen quere alugar porque o arrendamento multiplica o seu valor e expúlsase a xente nova adulta en idade reprodutiva, que non pode afrontar eses alugueiros”.

“Unha cidade de vellos require unha grande adaptación de infraestruturas e equipamentos”, explica Carlos Ferrás, que indica que para iso deberase pensar en adaptar os centros educativos “en función da demanda”, cada vez menor, e no aumento de equipamentos para os maiores, “como cambios no mobiliario urbano”, indica Ferrás, que fai referencia a un dos últimos conflitos urbanísticos da cidade, a reforma da rúa dos Concheiros. “Sobre a rehabilitación desta rúa pedíase, por exemplo, que houbese pasamáns nas beirarrúas con pendente” para paliar as dificultades das persoas maiores.

“Esa polémica está aí”, recalca Ferrás, para demandar que o que precisa a capital galega é “definir o modelo de cidade que quere ser: unha cidade para residentes xubilados e turistas, ou atraer a xente máis nova, ou buscar un equilibrio?” é a pregunta que lanza o profesor Ferrás.

Pensar o novo modelo de cidade

O profesor Carlos Ferrás insiste en que se Santiago “non se fai a pregunta de cara ao onde quere ir seremos unha cidade habitada polo turista e por residentes xubilados”. Pero o deseño dun novo modelo de cidade non é para o catedrático da USC unha tarefa sinxela nin a curto prazo, “non se fai en catro anos, require novas políticas de vivenda a medio prazo”. Temas como a rehabilitación de inmobles, a regulación das VUT (Vivendas de Uso Turístico) ou as residencias universitarias (e atender as demandas do estudantado da USC para que volva á cidade) son só algunhas das cuestións a ter en conta nese novo deseño.

Unhas mudanzas que para Carlos Ferrás “requiren un plan estratéxico global a medio e longo prazo e logo desenvolver políticas concretas, non facer un deseño e logo dar paus de cego”. O catedrático apela á “ambición” política, “pensar unha cidade que transcenda os límites municipais e integrar Bertamiráns, O Milladoiro... pensar nunha área metropolitana cohesionada con políticas avanzadas e coordinadas en cuestións sociais, de vivenda, de saúde”.

Temas como a regulación das VUT — “Nova York vén de aprobar unha norma para que estas vivendas non se poidan alugar máis alá do período dun mes”, apunta Ferrás— ou dotar a cidade dun sistema de residencias universitarias axeitado, “con inmobles de calidade e con facilidades de acceso a el”, así como mellorar o parque de vivendas, son cuestións chave á hora de deseñar unha cidade que atraia xente nova en idade reprodutiva e, ademais, puntualiza o catedrático, son temas que “deben saír do debate político”, porque son cuestións que requiren acordos globais que permitan traballar a medio e longo prazo, máis alá da cor política do goberno.

“Necesítase reaccionar e crear un proxecto de cidade que ilusione, cun plan estratéxico ambicioso a medio e longo prazo e que sexa aprobado pola maioría dos grupos políticos, a planificación precisa saír do debate político”. “Temos o modelo de Pontevedra”, engade o profesor.

Pulsa para ver más contenido para ti