A polémica acompaña os cen primeiros días de goberno de Goretti Sanmartín á fronte da alcaldía

A implantación da taxa turística e a ausencia da alcaldesa na Ofrenda ao Apóstolo enfrontaron a goberno e oposición

A intención do BNG de derrubar a Casa da Xuventude causa a primeira crise do bipartito

(Esquerda) María Baleato, Gonzalo Muíños, Borja Verea, Goretti Sanmartín, María Rozas e Mercedes Rosoón o día da investidura / Antonio hernández

(Esquerda) María Baleato, Gonzalo Muíños, Borja Verea, Goretti Sanmartín, María Rozas e Mercedes Rosoón o día da investidura / Antonio hernández / Ana Triñáns

O 17 de xuño 2023, Goretti Sanmartín (BNG) tomaba posesión como a primeira alcaldesa “feminista e nacionalista” –nas súas palabras– de Santiago de Compostela. Un novo goberno conformado polos seis edís do Bloque Nacionalista Galego e os dous acadados por Compostela Aberta (CA) e que contou co voto a favor dos seis concelleiros do Partido Socialista (PSOE). Dende entón e até hoxe, cando se cumpren os primeiros cen días do mandato, as polémicas non deixaron de sucederse.

O mesmo día da investidura, o líder do Partido Popular municipal, Borja Verea, que se refería ao grupo rexedor como “o goberno de seis máis dous”, xa daquela o tachaba de “soberbio e inútil” e anunciaba que dende o PP “o noso interese son os intereses xerais de Santiago e para iso comezamos hoxe unha alternativa de futuro, imos contruír un goberno de progreso porque estamos convencidos de que imos estar á fronte da cidade máis pronto que tarde”.

Cen días despois da investidura da alcaldesa, o “autoritarismo” é para a oposición a característica fundamental deste goberno. Segundo Borja Verea o mandato de Sanmartín “ten actitudes soberbias e totalitarias alonxadas da cidade moderna e plural que é Compostela, as súas maneiras son rancias e obsoletas e non as dunha dirixenta do século XXI”. E para o portavoz socialista, Gonzalo Muíños, as decisións da alcaldesa teñen cariz de “política autoritaria, de ordeno e mando, obviando que está en minoría absoluta e amosando sen ruborizarse o pouco que lle custaría darse a man co Partido Popular”.

Referíase con estas palabras Gonzalo Muíños a coincidencia entre BNG e PP en canto á necesidade de derrubar a Casa da Xuventude, aínda que con proxectos diferentes para a praza. Esta é, polo de agora, a última polémica na Corporación municipal. Hai hoxe unha semana o goberno local reuníase na Deputación da Coruña co seu presidente, Valentín González Formoso, para presentarlle alternativas ao convenio asinado polo anterior goberno municipal (do socialista Xosé Sánchez Bugallo) no que se ofrecía este inmoble ao órgano provincial, nunha concesión de 25 anos, para o establecemento dunha oficina de recadación de tributos e un espazo de coworking, para o que a Deputación achegaba un millón de euros. Na mesma tarde da xuntanza, a entidade que preside González Formoso rexeitaba as propostas do bipartito e Goretti Sanmartín renunciaba ao acordo e decidía a demolición da Casa da Xuventude, tal e como contemplaba o programa electoral do BNG.

As reaccións non se fixeron esperar, empezando polo desacordo entre as forzas que conforman o goberno local, xa que CA avogaba por manter en pé o edificio. O portavoz dos socialistas recriminou que se rexeitase un millón de euros sen dar “explicacións e provocando a primeira crise de goberno”. O PSOE lamentaba a decisión “unilateral” da alcaldesa e reclamaba “máis transparencia”. Para o Grupo socialista esta determinación non só supón a perda da subvención provincial, senón que tamén carrexará un grande desembolso das arcas municipais. “Son case dous millóns de euros o que lle vai custar á señora Sanmartín o derrube da Casa da Xuventude”, subliñaba Muíños, que tamén aproveitaba para lembrar que o 80% do edificio se ía destinar a usos municipais.

O PP, anque tamén mantiña no seu programa electoral o derrube deste inmoble, non foi máis benévolo coa alcaldesa e reprochoulle que “leva a súa soberbia ata o máximo expoñente” e a Rozas que “a dignidade de CA está liquidada se segue nun goberno que derruba a Casa da Xuventude, que é o seu símbolo”. Tamén en referencia a esta cuestión, Borja Verea aseguraba que o goberno de Sanmartín, “rise e humilla aos seus propios socios, aos que a fixeron rexedora con só seis concelleiros“.

Pero non foi esta a única polémica dos cen primeiros días de mandato, a negativa a asistir á Ofrenda ao Apóstolo, o 25 de xullo, por parte da alcaldesa e a organización, nese mesmo día, da Alba de Compostela, foron dous dos primeiros temas candentes no inicio da lexislatura.

“Parece que se avergoñan dos nosos símbolos e dos nosos sentimentos, do que significa Santiago de Compostela”, valora sobre estes primeiros meses de mandato Borja Verea, en clara referencia á ausencia da alcaldesa na Ofrenda ao apóstolo, á Alba de Compostela (a que non asistiu ningún membro da oposición) e ao outro episodio polémico das festas, a ausencia do Himno galego durante a recepción ao alcalde padronés, no Día de Padrón.

Tamén a isto se refería o socialista Gonzalo Muíños, “compartimos a homenaxe a Ánxel Casal e celebramos as homenaxeadas na Alba de Compostela, pero fíxose sen buscar un consenso que sempre existiu cando se trata de honrar a colectivos e personalidades da cidade”. E na súa valoración dos cen primeiros de Sanmartín como rexedora, Muíños denuncia que “plantou á cidadanía no acto institucional máis importante da cidade, a Ofrenda ao Apóstolo, a súa aspiración debera ser a de representar a toda a cidade e non só a un sector”. Ao respecto, Sanmartín argumentou sempre que a cidadanía “comprende e respecta a miña decisión”.

Transporte urbano e outros asuntos en desenvolvemento

Poucos días antes da cita electoral do 28 de maio, o TacGal (Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia) botaba atrás os pregos para a licitación do novo contrato de transporte público. Unha herencia do anterior goberno que aínda ten pendente a corrección dos pregos e a adaptación ao incremento salarial fixado polo novo convenio colectivo dos traballadores do transporte urbano.

Mentres tanto, o goberno de Sanmartín, tivo que alugar unha ducía de buses novos, para poder retirar os máis vellos da frota (algúns contaban entre 10 e 20 anos) e aínda o venres pasado o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, anunciaba a próxima posta en marcha de dúas liñas de bus nocturno, que circularán de mércores a sábados até as cinco da madrugada, e dun bus lanzadeira para enlazar co aeroporto.

Pese a que dende o goberno local se explica que esta circunstancia deu lugar a unhas “primeiras semanas de grandes dificultades, que obrigaron a actuar con celeridade”, segundo María Rozas, dende o PSOE vese nesta e noutras materias “falta de iniciativa e de xestión, funcionan coa inercia da herdanza recibida”, afirma Muíños, que detalla que do goberno socialista chegaron ao novo goberno “máis de 40 millóns de euros en obras, con proxectos en marcha ou xa preparados”.

Pero fronte a isto Sanmartín pón en valor a licitación de “obras destacadas” como a recuperación do campus sur para a veciñanza ou o itinerario sostible de carrís bici en Romero Donallo, Amor Ruibal e o Hórreo”.

En desenvolvemento ou en proceso, o goberno bipartito ten, ademais dos dous temas anteriormente mencionados, transporte e Praza de Abastos, a creación do Centro Integral de Atención ás Persoas se Fogar (CIAPF), nun edificio en desuso situado no Parque de Belvís e cuxas obras xa están en marcha. “Terá recursos habitacionais tal e como foi concibido orixinalmente e non será o edificio de despachos que planificou o anterior goberno”, afirma María Rozas, que reinvindica tamén o bo facer destes cen días de goberno.

A primeira tenenta de alcaldesa fai “balance positivo dos cen primeiros días de goberno, moi intesos e que nos valeron para ir asentando as bases do que será a acción de goberno nos próximos catro anos”, unha acción de goberno na que Rozas e Goretti coinciden en poñer no foco “o contacto permanente co asociacionismo”.

María Rozas tamén pón en valor a implicación do bipartito coas empresas concesionarias de servizos públicos, “cóntanse por ducias as xuntanzas e interlocucións cos traballadores dos servizos públicos concesionarios, fundamental para o seu correcto control e funcionamento, e mantemos unha interlocución permanente co SAF (Servizo de Axuda no Fogar) cunha comisión de seguemento”.

Para Goretti Sanmartín, a redacción do Protocolo para a Abordaxe das Violencias LGTBIfóbicas nos locais de ocio nocturno, o Código de boas prácticas para fomentar o turismo consciente e a taxa turística son elementos definitorios do proxecto do goberno para a cidade. Pero os dous últimos puntos tampouco teñen o favor da oposición, en especial, do Partido Popular, que en reiteradas ocasións denunciou que a alcaldesa ten a intención de “legalizar arredor dun milleiro de Vivendas de Uso Turístico (VUT)”. O portavoz popular non perde ocasión de de referirse ao “doble discurso do BNG, que por un lado é turismofóbico e por outro pretende legalizar case mil VUT”. A pesar de que este último punto foi desmentido tanto pola alcaldesa coma pola propia plataforma das VUT.

Queda por diante moita lexislatura e moitos temas pendentes: a parcela de Peleteiro, o aparcamento do CHUS, a EDAR da Silvouta ou o Parque Comarcal de Bombeiros. Cuestións que Goretti Sanmartín tamén lle trasladará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na xuntanza do 2 de outubro.