Alba de Compostela, “a celebración dunha cidade que non quere conflitos innecesarios”
O evento tivo lugar onte no Teatro Principal sen a presenza da oposición
A alcaldesa reivindicou o acto “de recoñecemento cidadá das persoas que constrúen Compostela”

Acto do Alba de Compostela 2023 / Jesús Prieto

Nun Teatro Principal ateigado de xente, o goberno bipartito de Santiago (BNG e Compostela Aberta) celebrou o acto Alba de Compostela, unha celebración, en palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín, “de recoñecemento cidadá a persoas que constrúen Santiago no día a día”. “A quen imaxine razóns espúreas”, dicía Sanmartín no peche do evento, “convídoo a quererse” porque segundo ela trátase da “celebración dunha cidade e dun concello que non quere conflitos innecesarios”.
Pero o certo é que non se tratou dun evento exento de polémica. A ausencia da oposición, pola negativa a asistir de Partido Popular e Partido Socialista, que consideraban que non era un acto da corporación, e as palabras do líder popular Borja Verea, que advertía “estaremos vixiantes para que non se utilicen fondos públicos para unha festa privada”, foron noticia nas últimas semanas. A alcaldesa reafirmouse en que era “un evento que coma tantos outros que se fan nesta cidade significa un recoñecemento”, para engadir que o único obxectivo da Alba de Compostela é “querérmonos como concello”. Nesta primeira edición do evento, “á que esperamos que todo o mundo se continúe sumando”, as persoas e colectivos homenaxeados foron ás rapazas do Hóckey Club Raxoi, a hostaleira Ánxeles G. Porto, a psicóloga Rosa Álvarez e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

As rapazas do Hóckey Club Raxoi recibiron tamén a súa propia homenaxe / Jesús Prieto / Ana Triñáns
A celebración iniciouse cunha ovación do público ante a presenza dos homenaxeados no escenario do teatro, seguida por unha apertura ao son da gaita e do tambor tocados por Oli Xiráldez e Fernando Estévez. A xornalista Marga Pazos foi a encargada de presentar o evento, acompañada por unha intérprete de lingua de signos, e darlle paso un a un aos premiados, aos que Goretti Sanmartín lles entregou a peza Constellatio, unha obra do artista José Castro (Noroeste Obradoiro) e consistente nun disco de prata representando a lúa no que se contén, incrustada, a constelación Canis Majoris coa súa estrela principal, Sirius, a máis brillante da Vía Láctea, guía do Camiño.
Logo da proxección dunha animación realizada dende a Fundación Castelao acompañada por unha locución da Alba de Gloria, os protagonistas foron recollendo e agradecendo o recoñecemento. A primeira delas foi a hostaleira responsable do pub Borriquita de Belem e membro da Asociación Cultural Cidade Vella, Ángeles González Porto, ‘Angi’. Na súa intervención quixo destacar a “sensibilidade que hai en pensar que podemos ser merecedoras da Alba de Compostela”. A hostaleira deulle voz a Cidade Vella lembrando “defendemos un modelo de cidade integrador, dinámico, creativo... queremos que a cultura e a arte sexan parte do lecer, porque delas depende a calidade de vida da xente”, para engadir “conten con nós que nós contamos con vostedes”.

Acto do Alba de Compostela 2023
Antonio Blanco, presidente do Hóckey Club Raxoi, foi o representante do equipo que recolleu no escenario o agasallo e pronunciou o discurso de agradecemento, pero antes, produciuse un dos momentos máis emotivos da mañá, cando a presentadora convidou as xogadoras do Hóckey Raxoi a subir ao escenario para participar máis directamente no recoñecemento que estaban a recibir. Blanco, que agradeceu a familiares e patrocinadores e defendeu “levamos máis de trinta anos apostando polo hóckey, ao que define o espírito de loita e agora existe a alto nivel e solicitamos unhas instalacións dignas”, para despedirse afirmando “seguiremos a traballar polo deporte feminno”.
A decana do Colexio de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Sociocomunitario de Vite, Rosa Álvarez, que se amosou profundamente emocionada, reivindicouse como filla da emigración, “nacín en París, dicía Castelao que ninguén pode sentir a terra coma nós os emigrados”. Para de seguido comentar a súa chegada a Compostela sendo unha moza e compartir o recoñecemento con Vite e “cos nenos de hai trinta anos que sen ter nada, construíron cidade, construíron Compostela”. “Vite é lección de moitas cousas, de loita pola igualdade e de defensa dos servizos públicos”, destacou, antes de apelar á “enerxía colectiva” da que falaba Castelao para dicir que “outro mundo é posible”.

A psicóloga Rosa Álvarez, recollendo a súa distinción no Alba de Compostela / Jesús Prieto
O último dos homenaxeados, o cóengo Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, fixo tamén alusións á Alba de Gloria de Castelao ao referirse á historia, “feitos, pasado, estudo e debate” e á tradición que “xurde do humus da terra”. Lorenzo defendeu a conservación do “culto pastoral e patrimonial” e afirmou que “Santiago é tradición de valor incomparable para construír futuro, Catedral e cidade son indisociables”.

Daniel Lorenzo, cóengo homenaxeado no acto do Alba de Compostela 2023
Unha referencia que tamén tomou a alcaldesa de Santiago no discurso de clausura do acto, lembrando como se miran “Catedral e Pazo de Raxoi, que comparten unha das prazas (polo Obradoiro) máis bonitas do mundo”. Un relatorio que Sanmartín comezou coas seguintes palabras: “Tamén nun teatro coma este a 10.000 km pronunciaba a Alba de Gloria Castelao hai 75 anos, unha peza de esperanza, aínda que seguramente sabía que non volvería á súa terra, no discurso non hai saudade, hai amor profundo a Galicia”. Antes de que himno galego puxese o punto final ao acto, a alcaldesa afirmou que “Santiago esqueceuse en parte de si propia, por xenerosa e anfitrioa, queremos amosar o seu orgullo, cun acto propio no seu día, para protagonice a súa festa”.
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- El Bono Activa Comercio de la Xunta vuelve esta semana
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Mil docentes de colegios e institutos dejan las aulas gallegas este año
- Tras los pasos de Ribadavia: este pueblo gallego compite por las luces navideñas de Ferrero Rocher