"Menos luces e máis brancas" iluminarán o Nadal de Compostela

O concurso das obras de reurbanización do Pombal queda deserto

O Concello traballa na busca de fondos para a rehabilitación do Pazo do Espiño

La Navidad compostelana dará el pistoletazo de salida con el encendido del alumbrado el 1 de diciembre

A praza do Obradoiro contará con árbore de Nadal e Belén

A praza do Obradoiro contará con árbore de Nadal e Belén / Antonio Hernández

Na rolda de prensa deste luns sobre os acordos da xunta de goberno a alcaldesa, Goretti Sanmartín, deu conta da posta en marcha do programa de conciliación familiar para este Nadal, cuxo prazo abre o martes 31 de outubro e pecha o vindeiro 9 de novembro, "un mes antes do que era habitual nos últimos anos", recalcou Sanmartín. A alcaldesa tamén fixo referencia á cifra de 214.775 euros que se van investir na iluminación para este Nadal, a cargo de Iluminaciones Santiaguesas, unha cuestión que tratou máis en profundidade a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, nunha posterior comparecencia.

A edil nacionalista referiuse á iluminación deste Nadal expicando que "haberá menos luces e máis brancas" e engadiu que tamén "haberá máis cousas que luces", en relación ás actividades que queren levar a cabo. Unha actividades para as que se botará man dos orzamentos dos departamentos municipais que non teñen previsto gastalos antes de fin de ano. "No Nadal están implicados todos os departamentos do Concello", explicou Lueiro que recalcou que ao grupo de goberno gustaríalle "ter unha maior cantidade pero temos un orzamento prorrogado".

A este respecto, preguntada pola prensa referiuse aos votos en contra de PP (Partido Popular) e á abstención do PSOE (Partido Socialista) no último pleno. "O PP é o do non, e PSOE sabía como estaban as contas cando deixaron o Concello", polo tanto sabían que esa abstención "tiña consecuencias". Pilar Lueiro referiuse tamén as variacións na decoración das árbores, así como ao mantemento da árbore de 20 metros no Obradoiro e do Belén, "é unha tradición que hai que manter", afirmou.

Programa de conciliación familiar

Sobre o programa de conciliación familiar para o Nadal, cuxo prazo abre o martes 31 de outubro e pecha o vindeiro 9 de novembro, vaise desenvolver nas últimas semanas de decembro e primeiras de xaneiro, Goretti Sanmartín adiantou en roda de prensa que o obxectivo do Concello é de o deseñar un programa anual, que inclúa non só agosto senón tamén o entroido. "Abrimos a convocatoria un mes antes do que se fixo noutros anos", afirmou a alcaldesa, "cun custo de 99 euros para as familias dos que máis da metade son asumidos polo Concello". Ademais, as familias con menores recursos poderán optar á gratuídade deste programa e, noutros casos, asumiren só a metade do custo das actividades, serán unha ducia de prazas as reservadas a estes casos de entre as 95 totais que se desenvolverán no Monte dos Postes e Quiroga Palacios.

O programa desenvolverase en dúas quendas: a de decembro e a de xaneiro, os días 22, 26, 27, 28 e 29 decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro.

Na mesma comparecencia, a alcaldesa fixo referencia a situación do concurso para as obras de reurbanización da rúa Pombal, que quedou deserto por incompatibilidade dunha das empresas presentadas que concursaba individualmente e en UTE (Unión Temporal de Empresas) cando a normativa recolle que unha mesma empresa non pode presentar dúas propostas. A alcaldesa recalcou que se reiniciará o trámite "en canto sexa posible".

Pazo do Espiño

Preguntada polo recente anuncio de continuar coa rehabilitación do pazo da finca do Espiño, Goretti Sanmartín indicou que ademais da "cantidade xa reservada estímase que fan falta entre 600 e 800.000 euros". A alcaldesa asegurou que dende o goberno municipal se están a buscar fórmulas de financiameto fóra do Concello, xa que a corporación non pode agora asumir ese custo. "Estamos mirando as posibilidades de colaboración coas distintas administracións e tamén as posibles subvencións" ás que concorrer.

Compromisos do 2 de outubro

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén fixo referencia na súa comparecencia de prensa deste luns a cuestións como a vivenda pública. "Esperamos que a Xunta cumpra coa vivenda social", indicou Sanmartìn, "xa que hai máis de 800 persoas no rexistro de demandantes de vivenda pública". A alcaldesa reiterou o ofrecemento feito dende o Concello á administración autonómica de varios soares municipais.

No mesmo sentido pronunciouse sobre a parcela ofertada polo Concello á Xunta para a habilitación dun aparcadoiro nas inmediacións do CHUS (Centro Hospitalario Universitario de Santiago). "O que hai no Hospital é un caos de tráfico, e en ocasións necesítanse tres persoas para acompañar a un enfermo, se ten problemas de mobilidade, é unha situaición insostible no tempo", afirmou. E incidiu en reafirmar que a parcela ofrecida polo Concello "podería ser unha opción con máis de 400 prazas", anque tamén recoñeceu que non sería a opción definitiva senón que se agarda que a Xunta dea as súas alternativas e "cumpra con Santiago e cunha área sanitaria de máis de 400.000 pacientes.

Sobre o parque comarcal de bombeiros, Sanmartín afirmou que o goberno bipartito segue a traballar, logo das xuntanzas coa Deputación da Coruña e coa Xunta, onde ambas administracións estaban de acordo en "reactivar este proxecto e que conte cun incremento de efectivos".

Temporais

En relación coas fortes chuvias da fin de semana, que novamente anegaron áreas do barrio de Sar e do casco histórico, Goretti Sanmartín explicou que se trata dun "problema de infraestruturas e deficiencias de anos" relativos ao "tamaño das tubaxes" que se veu complicado, segundo a alcadesa por unha obra coma a de Concheiros. "Existe un proxecto para o Sar, unha actuación de máis de un millón de euros", indicou, polo que dende o goberno se está a traballar en dous tempos, "actualizar este proxecto e ver de conseguir financiamento externo, e mentres facer actuacións pequenas" que palíen o problema.