Luz verde ao proxecto técnico de reurbanización da rúa do Pombal

Busca priorizar a mobilidade peonil e mellorar a accesibilidade e funcionalidade da rúa // O prazo de execución será de oito meses

Imaxe actual da rúa do Pombal despois de ser restaurado recentemente o muro da Alameda.

Imaxe actual da rúa do Pombal despois de ser restaurado recentemente o muro da Alameda. / l. rey

A Xunta de Goberno desta mañá aprobará o proxecto técnico para a reurbanización da rúa do Pombal. Cunha inversión de máis de 750.000 euros e un prazo de execución de oito meses, esa reurbanización suporá unha ampliación da beirarrúa próxima ás edificacións, a colocación de pasos peonís elevados para a redución da velocidade do tráfico rodado e a renovación e dotación de servizos urbanos: abastecemento de auga e rego, saneamento, alumeado público, gas natural e telecomunicacións.

Con esta obra búscase “priorizar a mobilidade peonil, mellorar a accesibilidade e a funcionalidade da rúa”, logo de terse completada a reconstrución do muro na parte que limita co parque da Alameda, segundo explica o concelleiro de Obras a través dun comunicado de prensa. Gonzalo Muíños recalca que se trata de conseguir “unha rúa máis amable para os peóns con zonas estanciais de descanso e outras de carga e descarga sinalizadas e vinculadas aos usos de vivenda e hoteleiro da rúa”.

A calzada resolverase en formigón pulido e a beirarrúa xunto as edificacións cun novo pavimento de cantería granítica. Dentro dela colocaranse novos elementos de mobiliario urbano (xardineiras, asentos, papeleiras e farois), xerando unha liña de protección descontinua entre o tráfico rodado e os peóns. Na beirarrúa oposta, ao carón do muro, colocarase un bordo de pedra granítica que separará esta da propia carreteira.

Nunha zona central da vía, onde a beirarrúa alcanza un ancho de 3,10 metros, habilitaranse zonas de carga e descarga diferenciadas en despezamento e textura de pavimento granítico.

Ademais, a intervención aproveitarase para substituír unha antiga canalización de fibrocemento en mal estado, executarase unha nova rede de saneamento separativa (pluviais, fecais) e manteranse as redes de abastecemento e gas substituíndo as acometidas, e executaranse novas redes de telecomunicacións e alumeado.

Por outra banda, na Xunta de Goberno aprobarase a adxudicación de obras de rehabilitación de firmes en dez ámbitos da cidade por un valor total de 458.811 euros e cun prazo de execución de catro meses.

A proposta contempla actuacións en: Rúa de Alfredo Brañas, rúa de Santiago de Chile, rúa das Canteiras do Sar, rúa dos Forniños, rúa de Amio, rúa da Carballa e rúa de Seoane, Travesa da Estrada, rúa do Combarro e Travesa do Combarro, rúa de Diego Bernal, rúa do Pino e rúa de Mallou de Abaixo.