Síguenos en redes sociales:

Sanmartín reitera que o radar de Conxo se manterá cunha sinalización máis axeitada

A alcaldesa responde a Borja Verea que a municipalización do cobro das multas aforrará 400.000 euros ao Concello

Sanmartín reitera que o radar de Conxo se manterá cunha sinalización máis axeitadaJesús Prieto

O radar de Conxo non se vai retirar de momento. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, respondeu esta mañá ás palabras do voceiro do Partido Popular, Borja Verea, sobre a municipalización de radares e servizos de multa do Concello. “É estraño que saian agora cunha cuestión que foi tratada no anterior mandato e contaba co consenso de todas as forzas políticas”, afirmou Sanmartín. Segundo a alcaldesa, ese 26% que recibe a concesionaria do servizo suporalle ás arcas municipais un aforro de 400.000 euros, polo que “é interese de todo o mundo esa municipalización”, asegura. 

Sanmartín recalcou unha vez máis que o proceso de municipalización vivirá dúas fases. “Unha primeira para a que xa contactamos coa Demarcación de Estradas da Deputación da Coruña”, e na que se procurará unha localización axeitada do radar así coma unha boa sinalización. Unha vez feito isto “se a velocidade segue sen ser a correcta tomaranse decisións”, afirmou a alcaldesa de Santiago. 

En canto a subrogación de postos de traballo, outro dos puntos chaves das reclamacións do PP para sentar a negociar xunto á retirada do radar de Conxo, Goretti Sanmartín explicou que aínda “non temos a proposta completa enriba da mesa, pero trátase dun aforro importante para o Concello”. Así e todo a alcaldesa lembrou que a súa formación non pensaba “que ese fose o mellor lugar para o radar, pero a ver se algo se resolve coa nova sinalización”.

Sobre as negociacións co Partido Socialista (PSOE) a este respecto, Sanmartín afirmou que aínda non empezaron pero que “dende un punto de vista interno o asunto está avanzado”. Arredor do asunto tamén se pronunciaba o luns o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que aseguraba que logo de comunicarselle ao PP a decisión do Goberno local de asumir a xestión directa das multas, “non trasladaron ao Goberno o seu posicionamento nin pediron máis información. Enterámonos da súa postura e das súas ‘condicións para negociar’ a través dos medios”.

Xan Duro tamén recalcou que lle sorprendía o posiciónamento dos ‘populares’ que “no pasado mandato foron moi críticos co modelo de xestión do cobro das multas, e mesmo pediron que non se prorrogara o contrato en vigor para estudar a xestión directa ou ben a través da Deputación da Coruña. “Borja Verea debera explicar por que agora cuestiona a xestión directa dese servizo, ainda cando sabe que suporía vantaxes para o concello do punto de vista económico”, asegurou o edil de Compostela Aberta (CA). 

Segundo Duro, a xestión directa do cobro das multas é o modelo máis acaído do punto de vista xurídico e “existe unha ampla xurisprudencia ao respecto que Borja Verea debera coñecer, mesmo con posicionamentos do Tribunal Supremo”.

“Ante a falta de argumentos contra a proposta do Goberno”, continuaba Duro, “Borja Verea limítase a enredar con cuestións alleas á xestión directa das multas e a volver a reproducir unha mentira: que a municipalización da ORA foi ruinosa para o Concello”, xa que así o comentaba en roda de prensa o voceiro popular en relación ao mandato de CA no Concello. “Fronte aos anuncios apocalípticos, as sentenzas que se teñen ditado con respecto a ese proceso foron beneficiosas para os intereses municipais, a última delas, supón que a anterior concesionaria da ORA e do guindastre terá que pagarlle máis de 677.000€ ao Concello de Santiago”, afirma Xan Duro.

Pulsa para ver más contenido para ti