Farmacia entregou as insignias de ouro ao seu persoal xubilado no acto de festividade do centro

A decana Reyes Laguna puxo en valor a resolución do concurso de ideas do centro Ciencias da Saúde

Dúas das persoas distinguidas coa Insignia de Ouro, aos extremos

Dúas das persoas distinguidas coa Insignia de Ouro, aos extremos / Santi Alvite

A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago conmemorou este mércores a festividade da Inmaculada 2023, patroa do centro, nun acto presidido polo reitor Antonio López Díaz e que serviu de marco para facer entrega da Insignia de ouro da Facultade ao persoal xubilado do pasado curso 2022-2023. María Enjo Rey, Ángel Joaquín Concheiro Nine, Leopoldo Óscar García Martín, María Asunción Lage Yusty, Manuel Lamela González, Santiago Rodríguez Segade Vilamarin, e María Lourdes Santana Penín foron as persoas distinguidas. 

 A sesión contou coa participación de Reyes Laguna Francia, decana do centro; Silvia María Reboredo García, subdirectora xeral de Farmacia da Consellaría de Sanidade; e de Matilde Casas Parada, secretaria da Facultade, quen foi a encargada de dar lectura á Memoria Académica 2022-23. A profesora Beatriz Brasa Arias foi a encargada de dar lectura á lección maxistral ‘Breve historia dos estudos de Farmacia en Santiago de Compostela’.

A decana aproveitou a súa intervención para dar as grazas ao reitor polos avances no proxecto de novo centro de Ciencias da Saúde da USC. “Estamos máis cerca de que poda plasmarse dita realidade”, afirmou na súa intervención a profesora Laguna Francia. “Son pasos necesarios sen ningunha dúbida que están a darse sen demora e que nos acercan día a día á Facultade de Farmacia que tanto necesitamos, e tan digna como nos merecemos”, engadiu.

A ceremonia tamén acolleu a entrega de diplomas ás doutoras e doutores que completaron estudos no curso 2021-2022: Cristina Fernández Paz, Estefanía Fernández Paz, Lorena García del Río, Carlota García Santiago, Laura Gómez García, Jesús Martínez Sotelo, Victor Santos Rosales e María Vivero López.

A maiores, tivo lugar a entrega de galardóns do IX Concurso de Ideas para Portada de Traballos de Fin de Grao, patrocinados por Bancofar, que distinguiu as propostas de Samuel Rey Viña (1º premio), Marta Gerpe González (accésit) e Emma Martín Casal (accésit).

Finalmente, entregáronse tamén os premios do VII Concurso de Subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde, que o Servizo de Normalización Linguística da institución compostelá convoca para fomentar a existencia de contidos en galego no campo das ciencias da saúde. Lucía Campillo Rey, Sandra Mariño Cortegoso, Inés Rodríguez Chas e Daniel López Fernández foron as persoas autoras das propostas premiadas nesta edición.

Festividade da Inmaculada, patroa de Farmacia, cun acto institucional presidido polo reitor da USC, Antonio López

Público asistente ao acto / Santi Alvite