Homenaxe aos traballadores do ferrocarril no 150 aniversario da chegada do tren a Galicia

O presidente da Xunta destaca a importancia da primeira liña que operou na Comunidade, entre Cornes e Carril, para o avance social e económico

Homenaxe aos traballadores do ferrocarril no 150 aniversario da chegada do tren a Galicia

Jesús Prieto

Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor este mércores a relevancia que teñen as conexións ferroviarias, xa desde a primeira liña que se puxo en funcionamento en Galicia, entre Cornes e Carril, para o avance social e económico da comunidade autónoma. Así o sinalou durante a súa participación nunha homenaxe aos traballadores do ferrocarril, enmarcado nos actos de conmemoración do 150 aniversario da chegada do tren a Galicia e que tivo lugar na sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril de Santiago. Alí estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego fixo fincapé en que o tren é fundamental para a conexión co resto da península, para o transporte de mercadorías e para avanzar cara a unha mobilidade máis limpa e sostible. Por iso, recordou a necesidade de seguir apostando por este medio de transporte con máis e mellores conexións.

O 15 de setembro de 1873 entraba en servizo a primeira liña férrea que se construíu e operou en Galicia, cunha lonxitude de 42 quilómetros, 25 anos despois da posta en funcionamento da primeira liña da península Ibérica. Unía a estación de Cornes, no termo municipal de Conxo –hoxe integrado no concello de Santiago de Compostela–, e a estación de Carril, no termo municipal de Santiago de Carril –hoxe concello de Vilagarcía de Arousa–.

Co gallo da conmemoración do 150 aniversario da chegada do tren a Galicia, o pasado mes de setembro, a XXXVI Semana Cultural de Conxo xirou en torno a posta en marcha da liña ferroviaria entre Cornes, no barrio de Conxo, e Carril, coa celebración de varias das actividades relacionadas con este acontecemento. Organizouse, por exemplo, unha mesa redonda que contou coa participación de Xoán Luis Miguéns García, médico ferroviario e escritor do libro Historias do Carril-Cornes. Tamén incluíu a exposición A memoria do tren, composta por 10 fotografias históricas e lembranzas do tren traídas da memoria oral das xentes de Conxo.

O Verderón

Ademais, tamén se programaron unha serie de obradoiros arredor da temática ferroviaria, a proxección de A todo tren, unha ruta polo camiño de ferro, e incluso un xogo de pistas e misterio para resolver o Asasinato na locomotora Sarita.

Tamén incluíu unha visita guiada ao Verderón, o tren dos anos 30 unido á locomotora AICO serie 1808, sede da Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril de Santiago, cuxo interior acolle unha maqueta de modelismo ferroviaria de seis metros de longo.