Catro equipos de La Salle participan no Club de Debate que Santiago promove con 10 concellos

Os equipos composteláns serán todos eles do colexio La Salle

Os equipos composteláns serán todos eles do colexio La Salle / ECG

ECG

O Concello de Rois vai acoller a primeira xornada de formación en comunicación e documentación dirixida ao alumnado participante no Club de Debate que promove o Concello de Santiago. Os equipos composteláns serán, nesta edición, todos eles do colexio La Salle, e enfrontaranse a centros doutros dez municipios. O obxectivo deste certame é o de favorecer o uso do galego oral entre a rapazada de 3º e 4º da ESO así como de 1º de Bacharelato.

O 17 de xaneiro deu comezo a edición deste curso, cunha primeira xornada de formación en habilidades comunicativas no Multiusos de Rois e dirixida ao alumnado dos concellos participantes da zona centro de Galicia. Durante a xornada o alumnado, co profesorado acompañante, aprendeu novas ferramentas comunicativas e de documentación para debater do mellor xeito posible, coa lingua galega como vehículo.

O Club de Debate é unha actividade promovida polos concellos de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Teo e Val do Dubra. En total están inscritos 22 equipos formados por estudantes de 3, 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos seguintes centros: IES Frei Martín Sarmiento, CPR Plurilingüe Calasancio e IES Luís Seoane (Pontevedra); IES Camilo José Cela e CPI dos Dices (Rois); IES de Cacheiras (Teo); CPR Santiago Apóstol e IES Terra de Trasancos (Narón); IES Canido, IES Concepción Arenal e IES Saturnino Montojo (Ferrol); Colexio La Salle (Santiago de Compostela); IES Monte Neme (Carballo); IES Terra de Xallas (Santa Comba) e CPI de Bembibre (Val do Dubra).

Os 22 equipos equipos repartiranse nas tres xornadas de debates da fase clasificatoria, que se desenvolverá no concello de Santa Comba os días 27, 28 e 29 de febrero co tema “Débense prohibir os móbiles nos institutos”. A final será o vindeiro 13 de abril.