Alumnos de Infantil e Primaria do López Ferreiro súmanse ao reto linguístico de ‘21 días co galego e +’

Sanmartín anima aos nenos a seguir o exemplo das Tanxugueiras, Carracedo ou Ledicia Costas

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cos rapaces do López Ferreiro/ antonio hernández

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cos rapaces do López Ferreiro/ antonio hernández / k.m.

Entusiasmados acolleron este mércores os alumnos do CEIP López Ferreiro a invitación a formar parte do programa de dinamización lingüística da Xunta 21 días co galego e +, que na súa sexta edición incorpora a Educación Infantil. En total, 4.587 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos de dez colexios participarán, batindo por segundo ano o seu propio récord.

Nun acto na Facultade de Ciencias da Educación organizado polo López Ferreiro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros, Jesús Álvarez, destacaron “a importancia de enfocar nas primeiras etapas educativas o esforzo dinamizador e normalizador da lingua galega”.

Ante o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o profesorado do centro, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, animou aos pequenos a sumarse ao reto de ir enchendo un libro en branco durante estes 21 días de palabras en galego para despois seguir utilizándoas nas súas vidas. Faloulles de personaxes coñecidos que usan a lingua galega, como As Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Ledicia Costas ou o xenetista Ángel Carracedo, do que explicou que “investigou moito sobre o libro que temos dentro, o libro deses xenes onde se di como somos”, dixo que seguramente el tamén estaría de acordo en que “todos temos un libro invisible” e engadiu que “as linguas falan de como somos, do que nos dixeron os nosos antepasados”.

Baixo o lema Medrando en galego, o alumnado intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante 21 días. Disto quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións dos centros participantes e onde, por primeira vez, se publicará durante as tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor dos centros.

Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración externa co Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección de luns a venres, e co Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos dez centros educativos.

O broche de ouro da edición porao de novo o Encontro 21 días co galego e +, que na súa segunda edición reunirá o 21 de febreiro, Día da Lingua Materna, o alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Auditorio Domingo Fontán do Gaiás para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias.

Nesta edición participan tamén os colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), CEIP O Couto (Ourense), CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo).