O PP de Santiago estudará o borrador dos orzamentos “de maneira seria aínda que só teñamos 4 días”

Borja Verea: “Este modelo de goberno é exemplo do que nos espera se o 18F  o BNG chega á Xunta”

O líder do Grupo popular municipal, Borja Verea

O líder do Grupo popular municipal, Borja Verea / CEDIDA

ECG

A difusión do documento borrador dos orzamentos para 2024 que este xoves fixo público o Goberno local de Santiago causou indignación nas filas do Partido Popular ao teren só catro días para estudalos “cando eles levan máis dun mes dando roldas de prensa e anunciando medidas a bombo e platillo”, reclamaba o líder do PP Borja Verea.

Así e todo o voceiro dos ‘populares’ composteláns advertiu “faremos o noso traballo de maneira seria, solvente e responsable aínda que só teñamos catro días” antes da xuntanza da Comisión de Facenda. E nesta liña, Borja Verea tamén recalcou que dende o PP “reclamaremos as actuacións que para nós son prioritarias e denunciaremos os gastos suntuosos ou innecesarios se os houbese”.

Na súa comunicación á prensa, Verea advertiu sobre o proceder do Goberno bipartido. “Este é o xeito antidemocrático que ten o BNG de entender as institucións e a isto súmase o que levan facendo nos últimos meses, impedindo debates no Pleno; contratando a decenas de asesores e amigos; impedido que se abran mesas electorais no Ensanche, cando llo esixe a Xunta Electoral, ou contratando a dedo os autobuses.

Por todo isto, o líder do PP tamén fixo referencia ás eleccións autonómicas, “este modelo de goberno é exemplo evidente do que nos espera se o 18 de febreiro os nacionalistas chegan á Xunta”.