Síguenos en redes sociales:

CCOO demanda o Concello de Santiago pola xestión do servizo municipal de multas

Denuncian que catro traballadores levan varios meses sen cobraren os seus salarios sen que o goberno local sexa capaz de dar unha solución satisfactoria

CCOO demanda o Concello de Santiago pola xestión do servizo municipal de multasECG

Comisións Obreiras (CCOO) leva ao Xulgado o Concello de Santiago de Compostela polo que cualifican de "xestión neglixente do servizo municipal de multas". Segundo explica, catro persoas traballadoras levan máis de catro meses sen cobraren o seu salario porque non se fan cargo delas nin a empresa adxudicataria (SCI), nin a súa subcontrata (Correo Inteligente Postal) nin o propio Concello.

CCOO sinala que forman parte do servizo nove persoas, das cales cinco dependen directamente da contrata e cobran puntualmente os seus salarios. As outras catro, que fan labores de ensobrado e notificación das multas, dependen da subcontrata pero levan máis de catro meses sen cobrar.

Desde novembro sen solución

O sindicato indica que leva desde o mes de novembro á procura dunha solución por parte do Concello, que ten a intención de municipalizar a parte do servizo a cargo da subcontrata, pero sen cumprir coa obriga de subrogar este persoal.

Desde CCOO advirten que «non consentiremos que persoal dun servizo público quede na estacada porque o Concello se desentenda das súas funcións», motivo polo cal presenta unha demanda contra as empresas e a propia Administración local en defensa dos dereitos das persoas traballadoras.

Pulsa para ver más contenido para ti