Os taxistas de Santiago urxen un Plan de Mobilidade: "Non pode ser que dende ás 22.30 horas non haxa autobuses"

O sector mantivo este martes unha reunión coa presidenta e xerente da Asociación Hostelería Compostela para abordar a problemática que sofren e debatir solucións

Jesús García Gómez, de Radiotaxi, apunta a que a xente non comprende os retrasos "porque ninguén lles traslada a verdade que sufrimos"

Reunión entre a presidenta de Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e o xerente, Ramón García, cos representantes de Radiotaxi, Manuel Sánchez García e Jesús García Gómez

Reunión entre a presidenta de Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, e o xerente, Ramón García, cos representantes de Radiotaxi, Manuel Sánchez García e Jesús García Gómez / Cedida

O problema de falta de taxis en Santiago é unha realidade chegando a alcanzar situacións extremas. Os propios composteláns quéixanse das eternas esperas nas paradas do casco urbano e os hostaleiros teñen que cancelar mesas reservadas ante a imposibilidade de que os comensais non chegan a tempo, entre otras circunstancias. O sector asegura que non é problema que se lle deba atribuír a eles directamente e que levan anos poñendo medidas enriba da mesa. "Levamos anos solicitando Eurotaxis e no mes de outubro do ano 2022 presentáronse licenzas temporais que non foron aceptadas nin polo Concello nin pola Xunta", comenta en conversa con EL CORREO Jesús García Gómez, representante de Radiotaxi, que xunto co seu compañeiro Manuel Sánchez García mantivo este martes unha reunión no local da Asociación Hostelería Compostela, coa presidenta da entidade, Sara Santos, e o xerente, Ramón García, co fin de coñecer a problemática do servizo de taxis na cidade e debatir posibles solucións.

Jesús García ve necesario contar cun Plan de Mobilidade, tendo en conta que "dende as 8.30 ata as 10.30 horas polas rúas do centro non damos feito máis de dúas carreiras á hora, e iso non é un problema noso senón dos atascos que sofre a cidade". A esta queixa súmase que os taxistas de Compostela levan tempo pedindo xiros para evitar certos tramos como Virxe da Cerca e plaza de Galicia, sen obter ningún tipo de proposta ou solución. Esta situación provoca que o sector incluso demande máis autobuses. "A estación intermodal segue traendo cada vez a máis usuarios e non pode ser que a partir das 22.30 horas non haxa buses", apunta.

Jesús García recorda que no momento en que se celebran en Santiago congresos que atraen a unha importante cifra de persoas supón un colapso para un sector "que está canso". Asegura que sempre van a atender "á xente que ten que ir ao Clínico ou ao aeroporto" antes que ao dun congreso.

Por todo isto, os taxistas perden clientes ao afrontrarse a atrasos e non conseguir chegar a eles en moitas ocasións. "A xente quere o taxi no momento en que chama e non nos entende porque ninguén lle traslada a verdade que está a sufrir o gremio", sinala.

Todas estas cuestións foron abordadas na reunión coa Asociación Hostelería Compostela, a cal lles mostrou o seu apoio. "Dixéronnos que ían ir da man con nós", conta.

Pola súa banda, Sara Santos valorou esta xuntanza como "unha primeira toma de contacto" co sector e apuntou a que se celebrará un novo encontro, para o cal aínda non hai unha data marcada.