O párroco de Sar, José Porto Buceta, nomeado Fillo adoptivo do Concello de Santiago

A proposta deste recoñecemento partiu no mes de setembro do Grupo municipal socialista

Aluden a que o crego "foi dinamizador social e precursor de iniciativas veciñais"

José Porto Buceta, párroco de Santa María a Real de Sar

José Porto Buceta, párroco de Santa María a Real de Sar / Antonio Hernández

O Pleno municipal deste xoves 29 acorda o nomeamento do párroco de Santa María a Real de Sar, José Porto, como Fillo adoptivo da cidade. Unha iniciativa que parteu do Grupo municipal socialista no mes de setembro do ano pasado. Con este nomeamento recoñécese, en palabras do edil do PSdeG local Sindo Guinarte a alguén que foi “dinamizador social e precursor de iniciativas veciñais”.

Porto Buceta cumpriu en 2023 cinco décadas á fronte da parroquia de Sar, un aniversario que lle valeu a homenaxe da súa veciñanza o 30 de setembro para recoñecerlle o seu labor pastoral e de vertebración do barrio. Porto foi impulsor da Agrupación Folclórica de Sar, mediador coas administracións para a consecución dunha escola na Colexiata ou promotor da creación do campo de fútbol.

Xunto a este recoñecemento ao párroco, o Pleno tamén noemará Fillo adoptivo a título póstumo ao profesor Manuel Quintáns e recoñecerá como Fillos predilectos á pintora Aurora Pereira ‘Aurichu’, recentemente falecida, e ao divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez.

Na mesma sesión aprobarase a concesión da Medalla de ouro da cidade á xornalista Tareixa Navaza e máis ao pintor Luís Pasín Noya. O locutor Luís Rial terá tamén unha placa conmemorativa no casco histórico.