Almudena Souto, do IES Rosalía de Castro, é a única compostelá gañadora dos Premios Minerva

Quedou segunda na modalidade de narración

O Colexio Peleteiro entregará os galardóns o 11 de abril

Reunión do xurado que deu a coñecer este venres os premiados

Reunión do xurado que deu a coñecer este venres os premiados / Cedida

Almudena Souto, alumna de segundo de Bacharelato do IES Rosalía de Castro, é unha das gañadoras da edición número 52 dos Premios Literarios Minerva, organizados polo Colexio Manuel Peleteiro, sendo a única recoñecida en Compostela. En concreto, o xurado decidiu outorgarlle o segundo premio na modalidade de narración pola súa obra Setenta e dúas pesetas, polo que recibirá unha recompensa económica de 400 euros e unha medalla conmemorativa.

Almudena Souto, alumna do IES Rosalía de Castro, única compostelá gañadora dos Premios Minerva

Almudena Souto, alumna do IES Rosalía de Castro, única compostelá gañadora dos Premios Minerva / Cedida

Os alumnos de terceiro e cuarto de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Galicia tiveron a oportunidade de presentar os seus textos ata o 17 de xaneiro, coa condición de que foran orixinais, inéditos e en galego, xa que con este certame trátase de contribuír ao fomento do uso da lingua no ámbito educativo e a impulsar a literatura entre os mozos.

O xurado, que deu a coñecer este venres o fallo, destacou a calidade das obras poéticas e dos relatos premiados, que semella garantir o futuro das nosas letras. “O nivel dos traballos premiados é unha boa mostra da puxanza e da forza deste talento novo que, coma sempre, agardamos que se sume á ampla relación de autores e autoras xa recoñecidos que comezaron a súa traxectoria nos Premios Minerva, como Xesús Rábade, Darío X. Cabana, Suso de Toro, Xavier Queipo, Neira Cruz, Berta Dávila, Olga Novo, Ismael Ramos ou Alba Guzmán, entre tantos autores e autoras xa imprescindibles das nosas letras”, sinalou o secretario do certame e profesor do Mon G. Buhigas.

A entrega de premios está prevista para o vindeiro 11 de abril nun acto literario no Colexio Peleteiro. Os autores premiados lerán unha parte da súa obra como adianto á publicación do libro que recollerá integramente os traballos, editado polo propio centro.

En concreto, na modalidade de narración resultaron 18 traballos finalistas e na de poesía, 19. En narración o primeiro premio foi para Pablo González Faginas, de primeiro de Bacharelato do Colexio Obradoiro de A Coruña, polo seu relato O Veloso. No terceiro posto situouse Rosalía Bernárdez, de 2º de Bacharelato do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, pola súa narración titulada Verba Volant. A maiores entregáronse dous áccesit a Celia López Quintela, do IESde Quiroga, e a Abril Viqueira Pose, de IESde Ordes.

Na modalidade de poesía, a gañadora foi Rosalía Bernárdez Ripedre, de segundo de Bacharelato do IESLeiras Pulpeiro, polo seu traballo Distraccións. O segundo premio foi para Iris Abril Teijeira, de segundo de Bacharelato do IESSalvaterra de Miño polo seu poema Litoral catártico. E en terceiro posto quedou Claudia Caamaño Rama, de 2º de Bacharelato do Colexio Calasanz PPEscolapios de ACoruña, ao recoñecerse o seu poema A miña avoa. A maiores, María Maronho, do CPIFonte Díaz de Touro; Pablo Loira Hermida, do IESJohan Carballeira de Bueu, e Amalia Blanco Pose, do IESTerra do Xallas de Santa Comba, recibiron un accésit.