Como actuar en situacións violentas: 14 mulleres de Santiago aprenden autodefensa no Restollal

O curso promovido polo CIM e a secretaría xeral de Igualdade da Xunta desenvolveuse no pavillón polideportivo do barrio en dúas sesións de 4 horas o 4 e o 18 de marzo

Como actuar en situacións violentas: 14 compostelanas aprenden autodefensa no Restollal

Jesús Prieto

Unhas 14 mulleres asistiron os días 4 e 18 deste mes ao curso de autodefensa convocado polo CIM (Centro de Información á Muller) de Santiago e apoiado pola secretaría xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Unha convocatoria anual destinada a preparar as mulleres ante unha posible situación de violencia ou agresión e para a que se conta coa colaboración da Federación Galega de Loita e da Academia Galega de Seguridade Pública.

“Damos algúns consellos, recursos básicos e sinxelos que poden estar ao alcance de calquera, sen necesidade de ter unha determinada condición física e independente da idade”, explica José Luis Cao, o monitor que nestas dúas xornadas impartiu o curso no pavillón deportivo do Restollal. “Incidimos moito na prevención, en evitar segundo que situacións, pero cando isto non se consegue tamén aprendemos a resolvelas, non se trata dun curso para pelexar nin para enfrontarse a alguén, senón saír desa situación complexa dunha maneira máis ou menos rápida”.

E tamén na prevención incide unha das participantes no curso, Pilar, que pon en valor a autoestima, “somos capaces de defendernos”, e a necesidade de aprender a traballar a “alerta” para conseguir esta prevención. “Coñecer os propios límites, entender que podemos evitar os perigos, que debemos estar alerta, que non sempre o estamos” é para esta usuaria unha das maiores aprendizaxes recibidas no curso. 

“Sempre pensamos que non nos vai pasar a nós, tampouco se trata de meter o medo no corpo, senón simplemente de ser conscientes de que, moitas veces, por exemplo, imos pola rúa con cascos ou co móbil, pasando de todo, pero están a ocorrer cousas ao noso arredor”, incide esta compostelá.

Esta participante, que xa realizou noutro momento un curso semellante, “máis relacionado coa violencia de xénero” e que defende que se trata dunha aprendizaxe non só física, senón tamén mental, “por suposto que hai unha técnica, pero é importante a parte psicolóxica, entender que estamos rodeadas de xente ou nunha circunstancia determinada” polo que é “importante coñecer o espazo no que nos atopamos, no que nos movemos, os límites que temos, que é o alleo ou o estrano nese contexto, ter un radar”, afirma.

Durante o curso de autodefensa, que imparten sempre membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado, trátase contidos teóricos, vencellados “coa normativa da defensa lexímita”, explica Cao, ademais de traballar técnicas de agarres, aprender a liberarse deles ou saber como defenderse dende o chan, “cando caemos ou cando nos agraden e estamos no chan”, lembra o monitor. Así mesmo, o curso tamén tratou a maneira de defenderse cando na agresión interveñen armas blancas.