A Xunta e o PP de Santiago arrementen contra o Bipartito pola venda de parcelas municipais

Dende o IGVS manifestan a súa “sorpresa” pola medida nunha carta ao concelleiro de Urbanismo

Sanmartín tacha de “decepcionante” a política de vivenda autonómica

A construción de 36 pisos de promoción pública en Lamas de Abade volveuse licitar en 2023

A construción de 36 pisos de promoción pública en Lamas de Abade volveuse licitar en 2023 / Antonio Hernández

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, arremete contra o Goberno bipartito polos seus anuncios “contraditorios” querendo a declaración de zonas tensionadas no concello de Santiago ao tempo que anuncia a venda de soares municipais a construtoras privadas. Borja Verea advirte que a Lei de Vivenda “prohibe expresamente” que os municipios poidan adoptar esas dúas medidas a un tempo”.

Referíase o líder dos ‘populares’ ao artigo 15.1.2.e da Lei 12/2023 que di que “coa finalidade de garantir o dereito de acceso á vivienda nos municipios nos que se declarasen un ou máis ámbitos como zonas de mercado residencial tensionado, de acordo co procedemento establecido no artigo 18.2, o solo obtido deberá destinarse necesariamente á construción e á xestión de viviendas sociais ou dotacionais, e non poderá substituírse por ningún outro uso público ou de interese social”. 

Verea defende que as vivendas de carácter social deben ser aquelas levadas a cabo con “recursos 100% públicos”, mentres a “mercantilización” do solo municipal leva a que se vendan os “módulos máis caros porque a construtora privada ten que ter marxe de beneficios”, recalcou.

“O BNG adopta medidas contraditorias, ou o fai por incapacidade ou por mala fe”, afirmou Verea para insistir na contradición: “En 12 días anunciaron unha medida e a contraria”. O voceiro do PP local tamén fixo referencia á creación dunha empresa municipal de vivenda, “no mesmo momento que anuncia isto están a vender milleiros de metros cadrados de solo público”. 

Pola súa parte a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, insistiu pola súa parte en que a intención do bipartito é “crear un parque de vivenda de titularidade municipal situado no centro, a diferenza do que vén acontecendo coa vivenda pública ou social nas últimas décadas na maior parte das cidades, e quere crealo a través da rehabilitación do parque residencial existente”.

A rexedora defende que con esta medida do Goberno local “contribuirase a mellorar as condicións de acceso á vivenda e, simultaneamente, a conservar o patrimonio inmobiliario e a protexer a función residencial da cidade histórica”.

Sobre a venda de soares, Goretti Sanmartín tamén se defendeu: “O alleamento de parcelas municipais é un mecanismo habitual e legal para financiar investimentos e obras nos municipios, tamén utilizado polos gobernos anteriores”.

O modelo de vivenda do PP

Borja Verea referiuse ao problema de vivenda da cidade para explicar a súa valoración negativa das medidas anunciadas polo Goberno local, esixindo a paralización da venda destes soares de titularidade pública. E explicou cales serán as do PP cando cheguen ao goberno local: “Queremos vivenda social que construiremos directamente ou mediante cesión de solo a outra administración”. 

O líder dos ‘populares’ tamén defendeu que a súa formación parará cando chegue ao goberno da cidade “esta privatización” construíndo vivenda social e dedicando o 100% a vivenda de alugueiro, ademais de promover modelos de residencia cooperativa e cohousing, “non só para as familias máis novas”, senón tamén para colectivos vulnerables e persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.

Raxoi /vs/ San Caetano

Non foi só o líder do PP de Santiago quen cuestionou as medidas do executivo de Goretti Sanmartín en materia de vivenda. Tamén o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, fixo chegar unha carta ao concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, amosando a súa “sorpresa” ante a previsión do Concello de Santiago de vender esas parcelas. Unha comunicación que tiña onte resposta por parte de Sanmartín, que amosaba igualmente a “sorpresa” do Goberno local “polo repentino interese da Xunta” en canto ao problema da vivenda na cidade.

“Dende 2009 a Xunta de Galicia só entregou en Santiago 54 vivendas de promoción pública de nova construción”, apuntaba Sanmartín, para referir a cifra de residencias desta modalidade que a Administración autonómica construíu en Vigo -504-, na Coruña -422-, en Lugo -319-, en Pontevedra -135-, en Ferrol -97- e en Ourense -69. Por todo isto a alcaldesa tachou de “deficiente” a política da Xunta en materia de vivenda en toda Galicia e de “especialmente decepcionante” a que levou a cabo na capital.

Goretti Sanmartín aclarou tamén que en 2014 a Xunta “anunciou a construción de 36 pisos de promoción pública en Lamas de Abade, e volveunos anunciar en decembro de 2023, nove anos máis tarde e en plena campaña electoral”. Tal e como apuntaba a alcaldesa, o pasado mes de outubro, a Xunta licitaba cun orzamento de 4,3 millóns de euros o tramo final destas obras, cuxa demora se debeu a un parón entre 2021 e 2023 debido a cuestións técnicas dos terreos nos que se erixen.

O PSOE pide dedicar a empresa pública a promover vivenda

O grupo municipal socialista reclamou onte que a empresa pública nunciada polo Concello se dedique a promover vivenda, tanto para compra como para aluguer. A concelleira do PSOE, Mercedes Rosón, sinalou que “as declaracións da alcaldesa [Goretti Sanmartín] e do concelleiro de Urbanismo [Iago Lestegás] parecen enfocar esta sociedade prioritariamente na rehabilitación e recuperación do patrimonio da cidade histórica”, un cometido do que considera que xa se encargan a oficina de rehabilitación municipal e o Consorcio de Santiago. 

Rosón valorou que “ante a ausencia da Xunta de Galicia en materia de promoción de vivenda pública, o único instrumento que tería o Concello sería esta sociedade”. Desta maneira, criticou que “seguimos vendo como o goberno traballa só para dar golpes de titular e non en propostas ben estudadas”.

A concelleira celebrou que Raxoi abra o procedemento para crear a sociedade mercantil pública e indicou que “agora que ten un grupo responsable na oposición danase as circunstancias. En anos anteriores, cunha oposición obstrucionista, non se daban as condicións para continuar coa creación da sociedade”.

A constitución desta sociedade anunciada o martes polo goberno municipal está dando os seus primeiros pasos e aínda terá que superar varios trámites antes da súa posta en funcionamento.