O pulso entre Raxoi e a Xunta agrávase: catro cuestións básicas para Santiago seguen bloqueadas

O aparcamento do Hospital Clínico e as melloras no rural hai anos que agardan solución

A discrepancia en materias como vivenda ou turismo demoran a posta en marcha de novas actuacións

No Castiñeiriño a Xunta promove a construción de 24 vivendas protexidas

No Castiñeiriño a Xunta promove a construción de 24 vivendas protexidas / Antonio Hernández

A saturación do aparcamento do Hospital Clínico (CHUS) e a falta de entendemento entre o Goberno local e a Xunta canto ás condicións para amplialo son unha vella historia na vida dos composteláns. Pero o bloqueo nesta negociación non é o único que mantén a cidade á espera dunha solución: a vivenda -cuxas competencias ostenta a Xunta-, a implantación da taxa turística en Santiago ou o saneamento do rural santiagués son só algunhas das materias nas que as dúas administracións deben chegar a un entendemento que, á vista dos antecedentes de cada unha das negociacións, non parece sinxelo de conseguir.

Vivenda pública e zonas tensionadas

Nunha cidade coma Santiago de Compostela, que nos últimos anos ve como o encarecemento do alugueiro deriva aos concellos limítrofes poboación traballadora e universitaria, resolver esta problemática é algo básico. Unha cuestión que vai unida á consecución dos 100.000 habitantes (a 1 de xaneiro de 2023 contaba con 98.716). 

As competencias de vivenda son autonómicas, o Concello precisa achegar posicións para que se amplíe o parque de vivenda pública. Até o da agora están proxectadas arredor de 60 vivendas nas áreas do Castiñeiriño e Lamas de Abade, unha construción que estivo parada dende 2021 até finais de 2023 por cuestións técnicas do solo no que se erixen.

Dende Raxoi ofrécense outras parcelas de titularidade municipal (no Restollal, San Lázaro e Volta do Castro), porque o censo de demandantes de vivenda pública na cidade supera as 800 persoas, pero polo de agora non hai novidades dende a Xunta.

No que si hai novidade pero non avance é na declaración de zonas tensionadas na cidade e que ao abeiro da Lei 12/2023 permitiría a limitación dos prezos do aluguer. Unha cuestión tamén competencia autonómica pero que o executivo de Alfonso Rueda non aplica directamente.

Pola contra, a Xunta pediulle a Raxoi que entregue informes “exhaustivos” que permitan estudar esta declaración. Algo no que se está a traballar pero que non se pechará, en palabras da propia alcaldesa Goretti Sanmartín —que teme que a Xunta non quere outorgar a declaración— “nin nun día, nin en 15 nin nun mes”.

Turismo: taxa turística e VUT

A implantación da taxa turística na capital galega é outra das pedras no camiño de Raxoi a San Caetano. A Xunta desestimou aplicar esta medida de forma xeral e pediu que Santiago presentase a súa proposta para a cidade, fíxoo en agosto de 2023 marcando o pago dun imposto de entre 0,5 e 2,5 euros por viaxeiro e día en función do tipo de aloxamento.

Pero da xuntanza celebrada o 2 de outubro dese ano entre Rueda e Sanmartín o Concello volveu con ‘deberes’: achegar informes de afluencia turística e ocupación hostaleira “detallados” e repercutir co 100% dos beneficios en cuestións turísticas, e non o 20% que propoñía Raxoi. A pesar de todo, o executivo de Sanmartín prevé que este verán entre en funcionamento.

Vencellado ao turismo, e tamén á vivenda, está a cuestión dos pisos turísticos. A alcaldesa anunciara que a ordenanza que permitirá regular as vivendas de uso turístico (VUT) adaptándose á mudanza do PXOM estaría lista a finais de 2023, algo que non sucedeu. A xudicialización dalgúns dos expedientes está detrás da demora, segundo explicou a propia Goretti Sanmartín. 

O problema vén de atrás, do mandato de Xosé Sánchez Bugallo, que realizou a modificación do PXOM que veta as VUT no casco histórico e noutros casos permite o seu funcionamento tan só dous meses ao ano. O goberno do BNG achácalle ao PSOE que non incluíse nesa mudanza do PXOM unha disposición transitoria que resolvese a cuestión e ambas as formacións reclámanlle á Xunta que dea de baixa aquelas vivendas inscritas no Reat (Rexistro de empresas e actividades turísticas) que carezan de título habilitante municipal -requerimento que non ten en conta o debandito rexistro-. 

Mentres, os propietarios de VUT reclaman unha solución, denuncian perdas económicas e permanecen nun limbo legal pese a non cometeren irregularidades. O Concello debe presentar a ansiada ordenanza pero mentres sigan sen estar consensuadas as normas municipal e autonómica (Reat) non parece que sexa posible unha solución satisfactoria para todos.

Mobilidade na contorna do CHUS

Se hai un tema municipal que ocupe páxinas e páxinas dos xornais é o aparcamento do CHUS. Nunha cuestión tan sensible coma esta, que afecta os usuarios da sanidade pública non só de Santiago senón de toda a súa área sanitaria, que abrangue 47 concellos, o bloqueo é máis que evidente.

Os encontros e desencontros entre administracións veñen de lonxe e a súa dinámica pouco varía: a Corporación vota por maioría que é competencia da Xunta a ampliación do aparcamento e polo tanto debe asumir o seu custo, pero a Xunta considera que o Concello debe facer achega económica como tamén fixeron outras cidades —A Coruña ou Pontevedra—. Santiago insiste en que as áreas sanitarias non son comparables e ofrece alternativas fóra da parcela do CHUS que a Xunta rexeita.

En novembro a Xunta pediulle a Raxoi unha achega de 4,3 millóns de euros, en xaneiro deste ano esa cantidade quedou en 3,5 millóns co compromiso por parte do Goberno autonómico de investir a mesma contía no saneamento e abastecemento do rural. Pero en marzo o Concello contraatacou de novo cun ‘protocolo’ de 10 compromisos para cada administración que só provocou na Xunta a “decepción” de que dende Raxoi “se rexeitase” a súa última proposta. 

Investimentos para o rural compostelán

Con ou sen aceptación do intercambio de achegas ao aparcamento do Clínico por investimentos para o rural de Santiago, o certo é que estas parroquias da cidade adoecen de abastecemento e saneamento, entre outras cousas, coma a conectividade co centro da cidade mediante transporte público. 

Foron protagonistas da campaña electoral de todas as formacións políticas que concorreron a elas e aprobouse un Pacto polo rural —por unanimidade do Pleno o 21 de decembro de 2022— pero para poder acometer o saneamento o Concello precisa de achegas autonómicas, que recolle nos orzamentos municipais para 2024. Se o entendemento entre administracións non mellora cómpre que ambas teñan en conta que se están a desatender 190 km2, 21 parroquias, 215 núcleos e unha poboación de arredor de 15.000 habitantes.

Algúns avances: Parque Comarcal de Bombeiros e Consorcio

Fronte a todo o anterior, si hai negociacións entre Xunta e Concello nas que se ten avanzado en positivo. Unha destas cuestións parece ser o compromiso co Parque Comarcal de Bombeiros, que implica os concellos da área compostelá, a capital, a Deputación da Coruña e a Xunta. A iniciativa leva case 24 anos agardando e a súa reactivación e foi unha das primeiras cuestións afrontadas logo das eleccións municipais de 2023 que parece que vai por bo camiño.

Incrementar as achegas do Estado e da Xunta ao Consorcio de Santiago foi outra das primeiras reivindicacións da alcaldesa. A Administración autonómica comprometeuse a aumentar a súa achega nun 10% sobre os case 2,4 millóns de euros que destina á entidade, sempre que as dúas outras administracións incrementen as súas achegas na mesma medida.

Suscríbete para seguir leyendo