Sanmartín defenderá ante Rueda a necesidade de reorientar o modelo turístico

A alcaldesa asegura que a taxa permitirá obter recursos de forma respectuosa cos veciños

A alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín, debullou onte as propostas que levará a xuntanza co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o próximo 2 de outubro. Un dos temas máis importantes será a implantación dunha taxa turística na cidade de entre 0,5 e 2,5 euros por viaxeiro que pernocte na cidade segundo o tipo de aloxamento. Sanmartín encadra esta medida na necesidade de reorientar o modelo turístico na cidade para que sexa máis sustentable.

“Enmarcado no Plan de Turismo Consciente, nós o que presentamos foi a proposta de proxecto de lei do imposto sobre estadías turísticas en establecementos da Comunidade Autónoma de Galicia para contribuir xustamente a sufragar os gastos de servizos públicos como limpeza, residuos, zonas verdes e recuperación de patrimonio”, indicou a rexedora do BNG. A taxa, incidiu, debera servir tamén “para conseguir unha nova orientación de turismo sustentable que permita atraer máis visitantes de xeito desestacionalizado e máis tempo de pernoctacións, e para xerar máis recursos económicos de xeito respetuoso coa veciñanza”.

Sanmartín lembrou tamén as outras reivindicacións que xa lle adiantou ao presidente da Xunta na carta na que lle solicitaba a xuntanza. A construcción de vivenda pública, a mellora do financiamento a Santiago pola súa condición de capital de Galicia ou do Consorcio serán algún deles. “Cómpre realmente dotar o Consorcio de cantidades similares as que tivo hai anos e facer que non continue perdendo o impulso como elemento fundamental e palanca de promoción para conseguir rehabilitar e poñer en valor toda a cidade histórica”, aseverou nun audio remitido á prensa.

A necesidade de que a Xunta poña cartos “igual que o fixo noutras cidades como A Coruña e Pontevedra” para construir un novo aparcamento no hospital Clínico será outra das reivindicacións que levará Sanmartín á xuntanza. Tamén pedirá a nova sede para a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio de Danza, a solución aos problemas de abastecemento no rural ou a construción dun centro de día en Fontiñas, entre outros temas.

VEREA

“Relato do odio” 

··· O líder do PP de Santiago, Borja Verea, referiuse onte tamén ao encontro entre Sanmartín e Rueda. Verea asegurou que os populares están “expectantes para ver que discurso levará o goberno do BNG” en materia de turismo. “Seguirá con ese irresponsable relato de odio contra os nosos visitantes, de guerra total contra os turistas renunciando aos valores e símbolos de anos na cidade?”, preguntouse. Tamén insistiu en mostrar curiosidade por ver que propón a alcaldesa para as vivendas de uso turístico. “Seguirá con ese rexeitamento que di públicamente ou pola contra, proporá a legalización de case mil VUS?”, indagou.