A CRISE DO ALUGUER

Sanmartín replica á Xunta: "Moito tememos que non quere declarar zonas tensionadas de aluguer en Santiago"

A alcaldesa explica que Urbanismo está a traballar en "informes exhaustivos" para presentarlle ao Goberno de Rueda

Incide en que a Administración autonómica podería "actuar de oficio" seguindo o que marca a lei estatal

O Concello de Santiago traballa para conseguir a declaración de zona de alugueiro tensionado

O Concello de Santiago traballa para conseguir a declaración de zona de alugueiro tensionado / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pronunciouse na mañá deste luns sobre as informacións transmitidas dende a Xunta de Galicia ao redor de que o Concello de Santiago aínda non lle presentou os seus informes para poder declarar na cidade "zonas tensionadas" de alugueiro, tal e como recolle a Lei 12/2023. "Por suposto que non chegou", dixo Sanmartín en canto á solicitude, "porque o que fixo a Xunta foi poñer unha serie de condicionantes nos requisitos que se mandaron dende o Estado para poder ter esa declaración de zonas tensionadas".

A alcaldesa de Compostela explicou que dende o departamento de Urbanismo estanse a elaborar os pertinentes informes, pero aclarou que "eses informes non se fan nin en dous días, nin en 15 nin nun mes" porque requiren exhaustividade. "Hai que facer un estudo do conxunto do Concello, porque é evidente que non queren falar de concellos en xeral senon ir a zonas concretas", insistíu.

Goretti Sanmartín afeoulle á Administración autonómica que "o que está a facer é poñerlles traballo aos concellos para que fagan algo que poderían facer xa de oficio, ao final está a dar a impresión de que se buscan excusas para non facelo".

"Nós onde queremos poñer o foco é noutra cousa, por que a Xunta, algo que pode facer de oficio, se está negando a facelo?", interrogouse a alcaldesa, para explicar que "o que moito nos tememos, o que se traduce da actitude da Xunta, é que non queren facer esa declaración, que non están por esa vía. Iso é o que nos preocupa".

Sanmartín insistiu en que o Goberno local fará o seu traballo pero declarou que ten as súas "dúbidas de que a Xunta despois de que fagamos o noso labor non vaia atopar algún problema e dicir: agora falta iso e agora o outro". A alcaldesa insistiu en que iso é o que está a transmitir o Goberno autonómico, "que non quere facer esa declaración e en lugar de facelo de oficio estalle a poñer aos concellos máis deberes dos que xa teñen".