Alfonso Rueda sobre a negociación do parking do CHUS: “Creo que chegaremos a acordo”

O presidente da Xunta aborda nunha entrevista cuestións como o Estatuto de Capitalidade ou declaración de zonas de mercado tensionado

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a entrevista

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a entrevista / Xoán Álvarez

Nunha entrevista concedida a Faro de Vigo, do mesmo grupo editorial que este diario, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu tamén a cuestións de grande interese para a capital galega. Unha delas foi a relativa a construción dun novo aparcamento no Hospital Clínico (CHUS), unha negociación sobre a que Concello -no mandato de Sánchez Bugallo e agora no de Goretti Sanmartín- e a Administración autonómica non se puxeron aínda de acordo sobre a solución final.

O presidente da Xunta pronunciouse nunha liña moi similar á que o facía este sábado o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que se amosaba seguro de que se chegaría a acordo. Alfonso Rueda explicaba que “o outro día tiven oportunidade de falar coa alcaldesa de Santiago e creo que imos chegar a un acordo. Estamos en conversas, fixemos unha proposta que non lles valía e ofreceron unha contraoferta que tampouco, pero creo que son conscientes de que todos os concellos fixeron un esforzo e unha achega”.

Outra das cuestións que xa puxo enriba da mesa a alcaldesa na primeira reunión que tivo co presidente da Xunta -o pasado mes de outubro- foi o incremento da contía que Santiago recibe por ser a capital de Galicia. A este respecto, Rueda reiterouse no seu posicionamento inicial, “dixen que o considerariamos” e asegurou que “eu non me neguei -ao incremento- non nas cantidades que pedía a alcaldesa, pero si a considerar un aumento das achegas, agora, iso si, con finalidades concretas, non pode ser un fondo incondicionado, hai que saber a que o van a aplicar exactamente”.

Rueda tamén se referiu ao Consorcio de Santiago -depende das administracións local, autonómica e central-, sinalando precisamente ao Executivo do Estado. “Houbo unha promesa de Pedro Sánchez hai dous anos de facer grandes achegas e nós dixemos que seguiriamos o esforzo do Goberno central, e non houbo nada de nada, co cal, eu faría un paquete conxunto”.

Finalmente Rueda tamén fixo referencia á Lei de Vivenda, coa que as autonomías do PP non están de acordo, e á declaración de zonas de mercado tensionado na que traballan varios concellos, entre eles o de Compostela.

“Cremos realmente que esa non é a solución, cremos de feito que a Lei de Vivenda non está solucionando nada nin o vai solucionar, pero é unha medida que está na lei, non me podo negar a que se un concello mo pide e a petición está razonada, nós temos que declarar a zona tensionada e alá ao concello coa súa responsabilidade e cos resultados”.

Así e todo, e insistindo en que non será insubmiso á lei que o PP recorreu, o presidente Rueda deixou claro que “a día de hoxe non nola pediu ninguén”. A este respecto dende o Concello afírmase que se está a traballar para fundamentar a solicitude como pide a Xunta, “uns informes moi exhaustivos que non se poden facer dun día para outro”, volvía referir días atrás a alcaldesa Sanmartín.

Suscríbete para seguir leyendo