Aberto o párking do CiMUS, "un paso máis" de Raxoi para resolver o caos de mobilidade na contorna do CHUS

Con acceso pola rúa Eira da Palleira dálle cabida a 151 vehículos e permanecerá aberto as 24 horas

Os edís de Obras e Mobilidade chaman aos usuarios a seren responsables no uso do aparcamento para favorecer a alternancia de vehículos

Os edís Xan Duro e Xesús Domínguez no novo aparcamento municipal ao carón do CiMUS

Os edís Xan Duro e Xesús Domínguez no novo aparcamento municipal ao carón do CiMUS / Antonio Hernández

Dende a tarde deste venres xa está aberto ao público o aparcamento provisional que o Concello de Santiago habilitou na parcela do CiMUS, a 150 metros do Complexo Hospitalario Universitario (CHUS). Unha iniciativa que forma parte “do compromiso coa Xunta de Galicia de dotar no exterior do CHUS zonas de aparcamento que permitan estacionar ao maior número de usuarios”, dicía o edil de Vías e Obras, Xesús Domínguez, que acudiu ao párking este sábado acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro.

Ambos os edís recalcaron a intencionalidade municipal de achegar unha “solución aos problemas de estacionamento da zona”. “Simplemente é un paso máis na liña de colaboración”, comentaba Xan Duro, que tamén facía referencia a que a problemática na contorna do Clínico “é moi evidente” polo que “agardamos agora que a Xunta dea os pasos que debe dar tamén, para achegar unha solución definitiva”.

O edil de Mobilidade lembrou tamén que se están a perder prazas de estacionamento na parcela do CHUS debido ás obras que se están a realizar para construír o centro de Protonterapia e mais a ampliación do centro hospitalario. Unha situación que fai aínda máis urxente retomar as negociacións entre Concello e Xunta para resolver a problemática do párking do CHUS.

“O acordo segue estando próximo”, afirmou Duro, “pero como se sabe acaban de tomar posesión os novos conselleiros de Sanidade e Infraestruturas, así que daremos un tempo prudencial para que vexan os temas que están enriba da mesa e nas vindeiras semanas retomaremos as xutanzas para buscar unha solución definitiva”. O edil de Mobilidade confía en que esta reunión se produza a inicios do mes de maio.

Xan Duro, respondeu á pregunta da prensa sobre se consideraba que agora a Xunta se sentiría “presionada” para actuar recalcando que “esta actuación non está feita para presionar, senón para achegar unha solución parcial a un problema que é bastante grave”.

As características do párking

O novo aparcamento, municipal e gratuíto, estará aberto as 24 horas mentres non se resolven os problemas de mobilidade na contorna do CHUS, agravados polas obras de ampliación e de construción do edificio de Protonterapia. Situado na rúa Eira da Palleira, á que se accede dende a avenida de Barcelona en dirección ao Clínico, comprende unha superficie de 3.563 metros cadrados e dá cabida a 151 vehículos, aínda que Domínguez apunta a que “posiblemente logo apareza algunha máis polo aproveitamento que se faga do espazo”.

O concelleiro de Obras fixo referencia á axilidade coa que se levaron a cabo os traballos para a construción deste aparcadoiro, cuxas obras comezaron a primeiros de marzo e aínda que xa estaba rematado a finais “houbo que agardar a que se afirmase o terreo”. “Executamos a obra con moitísima rapidez, tanto o proxecto como a execución da mesma e agardamos que dea solución ao aparcamento na zona”, explicou.

Domínguez detallou os traballos realizados, “fíxose o movemento de terras e unha canle de drenaxe perimetral para evitar os problemas de acumulación da auga e tamén para un aproveitamento o máis óptimo posible da parcela” e indicou que o custo total da obra foi de 37.447 euros IVE incluído.

“Trátase dunha parcela dotacional”, engadiu Domínguez, “cando falamos de provisionalidade, falamos de ata que rematen as obras e os aparcamentos definitivos da propia infraestrutura hospitalaria”.

Vehículos ventosa e zona ORA

O edil de Vías e Obras aproveitou a súa comparecencia para “recordarlle aos usuarios do aparcamento que favorezan a rotación, a mobilidade, que fagan un uso razoable da praza para que permita ao maior número de vehículos estacionar, que non se convirta nun aparcamento de coches ventosa”.

Neste sentido Domínguez valoraba a implantación da zona ORA na área de Santa Marta, que dende Raxoi sempre se defendeu que “serviu para que evitar eses vehículos ventosa” e tamén, explicou, que “algúns dos veciños que deixaban o coche na rúa agora fagan uso dos seus garaxes”.