Síguenos en redes sociales:

Santiago

O programa de conciliación de verán de Santiago pecha o prazo de inscrición o próximo mércores

A proposta está dirixida a nenos de entre tres e doce anos

Consta de seis quendas entre a última semana de xuño e a primeira de setembro

O programa de conciliación de verán de Santiago pecha o prazo de inscrición o próximo mércoresCedida

O próximo mércores, 24 de abril, pecha o prazo para inscribirse no programa de conciliación de verán do Concello de Santiago Vacaludos, que se desenvolverá no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas) entre os meses de xuño e setembro. Dende o pasado día 15, as familias con crianzas de entre tres e doce anos poden presentar as súas solicitudes.

O programa dividirase en seis quendas: a primeira, do 24 ao 28 de xuño; a segunda, do 1 ao 12 de xullo; a terceira, do 15 ao 31 de xullo; a cuarta, do 1 ao 14 de agosto; a quinta, do 19 ao 30 de agosto; e a sexta, do 2 ao 10 de setembro.

Asignación de prazas

As prazas están destinadas aos nenos empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago. O centro dispón dun total de 73 prazas autorizadas pola secretaría técnica de Politica Social da Xunta de Galicia. Aqueles que non estean dados de alta no servizo, poden facelo a través desta ligazón. Unha vez formalizada a solicitude, as familias poderán facer un seguemento do estado da mesma.

O próximo 10 de maio publicaranse as listaxes das persoas admitidas, que terán un prazo de sete días naturais para confirmar a súa asistencia. No caso de que existan máis solicitudes que prazas dispoñibles para algunha das quendas, o centro seguirá uns criterios de prioridade para asignalas. Ademais, as condicións do programa establecen que as persoas usuarias poderán desfrutar dun máximo dunha quenda, a non ser que haxa prazas dispoñibles noutras.

Certificado de emprego

O Concello indica que durante todo o ano, este equipamento está pensado para responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso aos seus servizos debe priorizar a aquelas que traballen ou que estean en tránsito do traballo a casa no horario de apertura do centro.

Polo tanto, é imprescindible que as familias acrediten as circunstancias laborais nas quendas solicitadas. Así, para a participación no programa é obrigatorio entregar a través do formulario de solicitude un certificado de emprego no que indique que nas quendas solicitadas se está traballando no horario de funcionamento do programa.

Pulsa para ver más contenido para ti