San Nicolás de Sar: de curtidoiro a centro para persoas sen fogar

As sondaxes de 2023 na antiga fábrica de Belvís descubriron catro píos dos que un deles se conserva completo

Imaxe das dependencias do que foi o curtidoiro de Belvís durante a última cata de sondaxe realizada

Imaxe das dependencias do que foi o curtidoiro de Belvís durante a última cata de sondaxe realizada / Pilar Fernández

A capital de Galicia viviu unha época de esplendor industrial da que aínda se conservan numerosos restos. Foi entre finais do século XVIII e comezos do XX cando en Santiago proliferaron un gran número de fábricas de curtido -chegou a haber até 27 factorías- nas beiras dos ríos Sar e Sarela. Unha industria capitaneada principalmente por empresarios chegados do Euskadi e do País Vasco francés que viviu o seu maior esplendor entre os anos 1790 e 1830.

Este foi precisamente o caso da Fábrica de Curtidos Huidobro, tamén coñecida como Sar de Adentro e San Nicolás de Sar. No lugar no que en 1798 comezou a construírse este curtidoiro existen na actualidade un hostal, un restaurante e unha aula de interpretación ambiental que se atopa agora en proceso de transformación para converterse no futuro Centro Integral para a Inclusión Social, en Belvís.

Unhas obras que, polo valor patrimonial da construción -que se puxo en funcionamento en 1802- requiriu da intervención do Servizo de Rehabilitación e Arqueoloxía municipal, como xa acontecera en 2005, para convertelo en centro ambiental.

Naquela primeira intervención realizáronse catas de sondaxe para que ver cantos elementos da antiga fábrica se conservaban, o resultado: enlousados de diverso tipo dependendo da estancia na que se atopaban, sectores de canalización de pedra que servían a auga á fábrica e restos das distintas modificacións realizadas ao longo do século XX (un deles foi o uso dunha das áreas para a estabulación de animais).

Nesta última intervención, dirixida por Pilar Fernández -Doa Arqueólogos-, as catas sacaron á luz unha nova canle de auga e restos de catro píos, dos que un se puido documentar de forma completa. Conta o pilón con planta rectangular e está disposto en cadros separados por paredes de barro e co interior e o fondo revestidos de madeira (cada peza ten unhas dimensións de 2,5m. por 1,2m. e o fondo é dun metro. 

O feito de que se achasen estes elementos obrigou os arquitectos desta rehabilitación a mudar o seu proxecto, xa que ao tratárense de restos patrimoniais non é posible construír nesa zona. Unha cuestión que reduce a superficie do que será o centro para persoas sen fogar pero que non afecta substancialmente ao número de dependencias do mesmo.

Imaxe das dependencias do que foi o curtidoiro de Belvís durante a última cata de sondaxe realizada

Imaxe das dependencias do que foi o curtidoiro de Belvís durante a última cata de sondaxe realizada / Pilar Fernández

Papel dos píos no curtidoiro

O proceso de curtido da pel require dunha abondosa cantidade de auga e o feito de que polo concello decorran dous ríos (Sar e Sarela) beneficiou amplamente o desenvolvemento desta industria na cidade. Os píos eran, por tanto, un elemento fundamental dentro da fábrica, participando en dúas das fases de que constaba o curtido: o lavado e a mudanza.

A fase de lavado era o momento inicial do tratamento da pel, no que se preparaban para seren curtidas. Mergullábase a peza neses pozos de auga limpa para quitarlles o lixo, rehidratalas e desalgalas (no caso de que chegasen conservadas en salgadura). O somerxemento podía durar entre 4 e 8 días ou de 15 a 20, xa que no proceso influía o estado de conservación da pel e mais a temperatura ambiente. Unha vez limpas, as pezas pasaban a outro tipo de pozo, desta volta ademais da auga tiña cal, e alí rebrandecíanse removendo a mestura a cada tanto durante un período de 4 meses.

A segunda fase na que se empregaban os píos era a da mudanza, o procedemento polo cal se curtía a pel. Para iso empregábase o ‘graneú’: somerxíase unha pel sobre outra intercalando entre elas unha capa de tanino (composto por casca de castiñeiro ou carballo, especialmente este último). Así permanecían as pezas arredor de 15 días e golpeábanse periodicamente con martelos de madeira de grandes dimensións. Un vez esgotado este tempo, as pezas pasaban a outro pío cunha maior concentración de tanino, pero antes do paso dun a outro pozo esparrábase a peza, é dicir, retirábanselle os restos de tanino para que na segunda localización a casca penetrase de todo na pel.

Método de conservación dos elementos patrimoniais

Tanto os restos da canle de auga coma dos píos atopados durante as catas de sondaxe de Belvís permanecerán ocultos á vista, pese a que non se vaia obrar nesa área. A razón, explica a arqueóloga municipal Dolores Cerqueiro, é “garantir a súa conservación para as xeracións futuras”, pero de cara a que isto sexa posible é necesario que os restos “permanezan tapados” e non expostos ás inclemencias meteorolóxicas, especialmente aqueles elementos que son de madeira, por exemplo. Ademais, Cerqueiro especifica que, precisamente a canle de auga que se atopa “bastante desmantelada” tamén se encontrou “nunha cota bastante profunda”, polo que manter este elemento á vista non é posible.

Agora o traballo do servizo arqueolóxico do Concello é o de casar os datos que afloraron das dúas sondaxes realizadas (2005 e 2023). Analizar a documentar o recollido: enlousados, sectores de canalización, canle de auga, píos... para que o edificio poida “contar a historia da súa evolución e dos distintos usos que tivo o inmoble”, que tamén acolleu unha fábrica de gaseosas.

Centro de Integración para a Inclusión Social (Cipis)

O achado dos restos arqueolóxicos obrigou a modificar o proxecto de rehabilitación, polo que a obra, avanzada en 3 dos 4 módulos que a compoñen, mantívose neste último en pausa, á espera entre outras cousas dos orzamentos para 2024, aprobados definitivamente no Pleno do 20 e de marzo, entrasen en vigor. 

Segundo informaba en decembro a concelleira de Servizos sociais, María Rozas, o Cipis abrirá as súas portas neste primeiro semestre do ano, e a modificación do proxecto realizarase de tal maneira que non se reduzan o número de dependencias cos que está previsto que conte: 14 prazas distribuídas en 12 cuartos (10 individuais e 2 dobres). Para executalo, o Goberno bipartito dotouno con 960.000 euros, aos que se engadiron 400.000 para cubrir aquilo que non se puidese executar con fondos Edusi (cuxo prazo rematou o 31 de decembro de 2023).